O crime machista de Jessica en Barro, ante o xurado: José Eirín será xulgado o 11 de marzo
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a partir do próximo 11 de marzo a José Eirín polo asasinato machista de Jessica Méndez, á que, tras anos acosándoa, supostamente matou tras encaixar o seu coche contra o dela en Porráns, Barro.
O caso chegará a xuízo a piques de cumprirse dous anos dos feitos e do ingreso en prisión do acusado. O 17 de marzo de 2022, ás 9.25 horas da mañá, el encaixou o seu coche contra o dela en Porráns. Ao día seguinte, o 18,ás 10.00 horas, ela morreu no hospital ao non poder recuperarse das graves feridas sufridas.
A causa xulgarase cun xurado popular, ante o que a Fiscalía pedirá para o acusado 24 anos de prisión e que se lle impoña a pena de afastamento ou de prohibición de aproximación aos familiares da vítima -os seus pais e irmáns- e ao compañeiro sentimental dela no momento do asasinato. Non poderá achegarse ao seu domicilio, ao seu lugar de traballo ou a calquera lugar no que se atopen a unha distancia inferior a 1.000 metros e tampouco comunicarse con eles por calquera medio, xa sexa verbal, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático durante 10 anos.
O fiscal do caso, Alejandro Pazos, formula un duro escrito de acusación contra Eirín, no que é contundente á hora de afirmar que ela é vítima de violencia de xénero a pesar de que non había relación previa entre ambos. Acúsao dun delito de asasinato con aleivosía no que concorre, como circunstancia agravante, cometelo "por motivos ou razóns de xénero".
A agravante de xénero era unha das cuestións sobre as que clamaba a contorna de Jessica desde o principio, pois o acusado e a vítima nunca foran parella, pero el levaba anos acosándoa para que mantivesen unha relación sentimental.
O fiscal non lle acusa por ningún delito de acoso, ao non poderse achegar probas concluíntes dese delito, pero si ten en conta esa situación de acoso previa. "A forma violenta de proceder do investigado debeuse á circunstancia de que durante varios anos nunca obtivo unha resposta da falecida ás pretensións sentimentais ou afectivas que albergaba", sostén o escrito de acusación.
Segundo o fiscal, encaixou o seu coche contra o dela "pola indignación ou o odio que lle xerou o seu silencio ou o seu desprezo durante un período de tempo tan prolongado".
O relato de feitos da Fiscalía sostén que o acusado conduciu o seu vehículo Seat Toledo pola estrada nacional N-550 e, en Porráns, observou que Jessica achábase esperando nun cruzamento para incorporarse á vía principal. Nese momento, "co ánimo de acabar coa vida da condutora" puxo o seu coche a unha velocidade aproximada de 80 e poucos quilómetros por hora e impactou co seu vehículo coa parte central do lateral esquerdo do vehículo dela, que estaba parado.
Xusto impactou coa zona na que se achaba ela e, segundo o fiscal, fíxoo "a propósito" de que este tipo de colisión "pode ocasionar a morte da condutora". Desta forma, "asegurou así a execución do seu propósito de matar" a Jessica "sen darlle ningunha posibilidade de reacción ou de defensa".
O escrito da Fiscalía tamén inclúe unha petición de indemnización para os achegados da súa vítima que rolda os 400.000 euros, 128.350,196 para a súa parella, 99.827,76 para cada un dos seus pais e 28.522,28 euros para cada un dos seus dous irmáns.
Relacionadas:
-
Controversia no xuízo polo crime de Jéssica: o fiscal denuncia o falso testemuño da nai e a irmá do acusado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Jessica sentíase vixiada", relata a súa familia, con acoso "practicamente todos os días" durante "8 ou 9 anos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
José Eirín, ante o xurado: Vítima de "avalancha mediática" ou un asasino que simulou un accidente de tráfico?
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Me declaro inocente de asesinato, yo no sabía quién iba dentro del coche ni pude hacer nada"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Veciños de Verducido piden "Xustiza para Jessica" ás portas do xuízo polo crime machista de Barro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un xurado popular xulgará desde este luns a José Eirín, acusado de asasinar a Jéssica Méndez en Barro
Por Oskar Viéitez |
-
Un home con orde de afastamento por violencia machista, detido agora por agredir outra vítima
Por Natalia Puga |
-
O fiscal ve agravante de xénero no asasinato de Jessica Méndez: matouna "polo odio" de que levara anos rexeitándoo
Por Natalia Puga |
-
Un ano sen Jessica: "Non foi un accidente, el estábaa acosando, vixilábaa. Non houbo relación, pero foi un crime machista"
Por Natalia Puga |
-
Barro reclama aclarar o feminicidio de Jéssica e investigar todo o acoso que sufriu
Por Redacción |
-
Alerta feminista polo “feminicidio” de Jessica: “o machismo agóchase de moitas formas na sociedade”
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O sospeitoso do homicidio de Barro insiste na versión do accidente, que a Garda Civil desmonta
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Prisión para o homicida de Barro, recibido a gritos no xulgado: "Justicia por Jessica, por favor"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada