Controversia no xuízo polo crime de Jéssica en Barro: o fiscal denuncia o falso testemuño da nai e a irmá do acusado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Terceira xornada de xuízo con xurado polo crime machista de Jéssica Méndez en Barro, marcada pola controversia. Durante a sesión matutina, o fiscal do caso, Alejandro Pazos, pediu en dúas ocasións ao tribunal que deducise testemuño polo contido da declaración da nai e a irmá do acusado, que considera que deron falso testemuño.
O maxistrado que preside o tribunal, Miguel Seijo, rexeitou ambas as peticións do fiscal, pero, ao termo da sesión da mañá, lembroulle que, aínda que el non optase por deducir este falso testemuño, si teñen a opción todas as partes de presentar denuncia. "Se hai falso testemuño, poden presentar denuncia", indicoulles, lembrando ao fiscal que el o ten aínda máis fácil que o resto das partes
Rematada a sesión, o fiscal confirmou que si que estudará presentar unha denuncia ou unha querela, que se presentaría ao termo do xuízo.
O fiscal considera que ambas as testemuñas puideron mentir e, por tanto, incumprir o seu xuramento de dicir a verdade, ao afirmar que o día do accidente no que o acusado encaixou o seu coche contra o da falecida en Porráns non falaron con ningún familiar da vítima. Con todo, unha testemuña que declarou na terceira sesión do xuízo asegura que si escoitou unha conversación.
Esta testemuña, unha das primeiras en chegar ao lugar do accidente, non coñecía nin ao acusado, José Carlos Eirín, nin á vítima, Jéssica Méndez, pero estivo alí un tempo e relatou no xuízo que viu como chegaba o irmán de Jéssica, "moi nervioso" ao saber a gravidade do sinistro, e preguntou: "quen foi? quen lle fixo iso á miña irmá".
Logo, falou coa nai do acusado e, segundo esta testemuña, "díxolle: non te poñas así, que mañá a túa irmá está a bailar cunha perna soa". A nai e a irmá negan esa conversa.
Esta testemuña relatou que socorreu ao acusado, que estaba aínda sentado no coche, e "por inercia, saqueino a el para fóra". Preguntoulle se lle doía algo e díxolle "non, estou ben". Ademais, preguntáronlle que pasara e "dixo que nin quedou durmido nin se mareou nin nada". Con todo, a súa defensa asegura que se desorientou e non viu ao coche contrario.
Segundo esta muller, logo quedou apoiado no seu coche, de pé, "observando" e "coma se non sucedese nada". A súa ex parella, que a acompañaba, dixera durante a fase de instrución da causa que viu a José Carlos Eirín "en shock", pero no xuízo non mantén esta afirmación e xustificou que puido dicilo porque "me confundín eu por nerviosismo", pero que "para nada" viu ao acusado alterado nin tampouco durmido, as súas resposta eran "claras e rápidas".
Outra testemuña que se parou a axudar, con todo, viuno "perdido, deambulando" e tamén "coma se estivese desorientado polo impacto".
Unha destas mulleres que pararon a axudar tras o accidente tamén indicou que lle preguntou ao acusado que pasara e el "insinuou" unha imprudencia da vítima, que o seu vehículo se cruzara na súa traxectoria. Así, explicoulle: "non sei, foi todo moi rápido, pero creo que se me meteu".
A varias persoas que se pararon a axudar chamoulles a atención que estiveron un intre buscando no coche de Jéssica se tiña móbil ou se había algún dato que lles permitise avisar aos seus familiares, ata que atoparon unha factura, chamaron ao taller e o mecánico avisou ao seu pai. Con todo, o acusado, non dixo nada. Cando se decataron de que eran veciños, sorprendéronse.
"Eu quedeime... entón, este home coñece á moza, estamos a tentar localizala e non di nada? Puido dicir: tento chamar á familia", sinalou unha moza, convencida de que o acusado escoitou todos estes intentos de localizar aos familiares. Outra explicou: "quedei impactada, porque se afastou do coche, mantívose á marxe e en ningún momento dixo que a coñecía".
Pola sala tamén pasaron veciñas da zona que descoñecían este suposto acoso do acusado á vítima, aínda que tres delas si explicaron que era habitual verlle a el paseando ata a casa dela e, ao chegar, dar a volta. "Ía andando, chegaba, viraba e volvía", explicou unha, que estaba convencida de que, en realidade, "vixiaba á irmá" e non a Jéssica.
En canto á nai e a irmá do acusado, sinalaron que non tiñan constancia do suposto acoso que o seu irmán exercía sobre Jéssica e que "facía tempo" ambas as familias, a delas e a da falecida, tiñan máis relación, pero non no momento dos feitos, coa que tiñan relación "como veciños" pois ambas as casas estaban a escasos metros. A relación arrefriouse, pero asegurou que non houbo ningún problema como causante. "Non tivemos nada", asegurou a irmá.
A irmá, ademais, relatou un enfrontamento que houbo entre o acusado e o noivo da falecida, Ismael. Este mozo relatou no xuízo que se achegou á ambulancia na que estaban a atender ao hoxe acusado. "Non se me esquece máis na vida. O primeiro que fixen, foi abrir a porta da ambulancia e o que fixo foi rirse de min na miña cara. Sacárono de alí ríndose".
A versión do acusado sobre este encontro non se coñece, pois se acolleu ao seu dereito a non declarar, pero a súa irmá relata algo diferente. Di que "el estaba sentado na ambulancia, el non se meteu con ninguén" e, cando chegou o noivo da falecida, "díxolle: a ti voute matar eu". Logo, os axentes da Garda Civil quixeron pedirlle o DNI e "non quería darllo".
Relacionadas:
-
O acusado do crime de Jéssica en Barro pide perdón: "Oxalá aquel día non collera o coche"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Garda Civil desarma a defensa de José Eirín: "Houbo unha conciencia e vontade do condutor de provocar a colisión"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Os forenses do crime de Barro: "As lesións eran de tal entidade que foi imposible que sobrevivise"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Jessica sentíase vixiada", relata a súa familia, con acoso "practicamente todos os días" durante "8 ou 9 anos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
José Eirín, ante o xurado: Vítima de "avalancha mediática" ou un asasino que simulou un accidente de tráfico?
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Me declaro inocente de asesinato, yo no sabía quién iba dentro del coche ni pude hacer nada"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Veciños de Verducido piden "Xustiza para Jessica" ás portas do xuízo polo crime machista de Barro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O crime machista de Jessica en Barro, ante o xurado: José Eirín será xulgado o 11 de marzo
Por Natalia Puga |