Alerta feminista na rúa polo “feminicidio” de Jessica en Barro: “o machismo agóchase de moitas formas na sociedade”
Por Mónica Patxot & Redacción
"Non nos amedrentemos cando vexamos unha situación de acoso porque sexa veciño, coñecido ou descoñecido, porque os feminicidas tamén viven preto de nós". É a alerta lanzada este martes desde a praza da Peregrina de Pontevedra.
Convocadas polo Colectivo Feminista de Pontevedra, e co presenza de Comando Mazá, un grupo de persoas concentráronse en repulsa polo homicidio de Jessica Méndez a pasada semana en Barro e quixo lanzar esta mensaxe como unha necesidade de denunciar todos os casos de acoso ou abuso que se detecten.
Polo crime de Jessica está en prisión José Eirín, veciño da vivenda familiar de Barro, e que o seu entorno sostén que levaba anos acosándoa. Por iso é polo que lanzan esta alerta denunciando que acusadores, machistas e homicidas hai en todas partes. "O machismo agóchase de moitas formas na sociedade, e a obsesión por ela, fixo que este ser, posiblemente, se crese coa potestade de arrincarlle a vida a Jéssica, do mesmo xeito que teñen feito outros feminicidas".
Na concentración clamaron "Xustiza" para Jessica e leron un manifesto no que sinalaron que Jessica "tiña toda a vida por diante e plans de futuro que lle foron arrebatados polo seu feminicida e veciño José Eirín" e que "estaba sendo terriblemente acosada por este individuo, ata o punto de que a súa vida estaba condicionada".
Fan tamén un chamamento á mobilización social, que este martes convocou concentracións en localidades de toda Galicia, porque "non podemos permitir que este caso quede no esquecemento porque sabemos que como Jessica pode haber moitas mulleres que agora mesmo poden estar sendo acosadas".
Desde o feminismo pontevedrés denuncian que desde o ano 2010 son 67 as mulleres que foron asasinadas en Galicia, "as cifras da vergoña" que se poden ver incrementadas cando se esclarezan os casos pendentes e piden que na loita contra os feminicidios "seguimos agardando a que o mundo institucional deixe de gardar minutos de silencio e comece a preocuparse pola vida e seguridade das mulleres".
"De nada serven máscaras ou lazos lilas se se amparan en políticas criminais contra as mulleres", sostiveron e tamén se amosaron moi críticas co Partido Popular e co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "que hai apenas unha semana se apoiaba na negación das vítimas de violencia vicaria". Nesta liña, pediron que "non queremos que nos goberne un machista, non queremos que lexisle un machista no noso país".
Relacionadas:
-
Unha marcha silenciosa e unha ofrenda floral lembrarán a Jéssica no segundo aniversario do crime
Por Natalia Puga |
-
O crime machista de Jessica en Barro, ante o xurado: José Eirín será xulgado o 11 de marzo
Por Natalia Puga |
-
O fiscal ve agravante de xénero no asasinato de Jessica Méndez: matouna "polo odio" de que levara anos rexeitándoo
Por Natalia Puga |
-
José Eirín acosou a Jessica Méndez ata a propia mañá do crime de Barro: "agardaba dentro do seu vehículo a que ela saíse de casa"
Por Natalia Puga |
-
Un ano sen Jessica: "Non foi un accidente, el estábaa acosando, vixilábaa. Non houbo relación, pero foi un crime machista"
Por Natalia Puga |
-
Concentración ante a Audiencia o mércores para rexeitar o asasinato machista de Baiona
Por Natalia Puga |
-
Barro reclama aclarar o feminicidio de Jéssica e investigar todo o acoso que sufriu
Por Redacción |
-
O sospeitoso do homicidio de Barro insiste na versión do accidente, que a Garda Civil desmonta
Por Natalia Puga |
-
Clamor unánime en Barro por Jessica: "Arrancáronos o que máis queríamos nesta vida"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O feminismo pide saír á rúa polo "feminicidio" de Jessica: "Non podemos mirar para outro lado"
Por Natalia Puga |