O padrón de Sanxenxo ten censados a 17.974 veciños, pero o Concello sinala que a poboación real e maior
Por Redacción
Segundo o padrón municipal o 31 de decembro Sanxenxo tiña 17.974 veciños empadroados.
Ao longo de 2023 chegouse a superar a cifra dos 18.000 habitantes que nas últimas semanas do ano volveu caer.
A poboación de Sanxenxo creceu case 2.000 veciños no que levamos de século, xa que no ano 2000 había 16.025 habitantes. Se botamos a vista un século atrás, a poboación era a metade da actual, 8.578 veciños.
En calquera municipio, pero especialmente nun destino turístico, hai que distinguir entre a poboación de dereito, é dicir os empadroados, e un concepto máis amplo que é a poboación real que pernoita habitualmente.
Hai xa anos que se sabe polos médicos dos centros de saúde que miles de propietarios de segundas residencias, xubilados ou teletraballadores, pasan os outonos e invernos en Sanxenxo, motivados pola suavidade do clima en comparación cos seus lugares de procedencia.
Agora o Concello dispón doutra ferramenta, o informe Big Data da Mancomunidade do Salnés, que permite saber cantas destas persoas, a maiores dos empadroados, pernoitan en Sanxenxo polo menos 15 noites seguidas de cada mes.
É evidente que estas persoas son propietarios de segundas residencias porque ninguén utiliza hoteis ou outras hospedaxes durante períodos tan longos e menos na tempada baixa.
Segundo o informe Big Data en xaneiro 2023 pernoitaron, polo menos 15 noites seguidas, 1.828 persoas, en febreiro 3.591, e en decembro 5.827.
Isto permite concluír ao Concello que a poboación real de Sanxenxo nos meses coa actividade turística máis baixa oscila entre dous mil e cinco mil persoas máis que os veciños empadroados.
Relacionadas:
-
O orzamento de Sanxenxo crece ata os 45,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
A música electrolatina de Juan Magán soará en Sanxenxo o 5 de agosto
Por Redacción |
-
O voluntariado tomará 21 praias de Sanxenxo o sábado cunha limpeza de pellets e plástico
Por Natalia Puga |
-
Sanxenxo reúne por vez primeira á súa mesa de turismo
Por Redacción |