As curvas de Castroloureiro e de Portela, un ano máis, puntos negros da circulación en Cuntis
Por Natalia Puga
Os accidentes de tráfico supoñen o 26,37% das actuacións da agrupación de Protección Civil de Cuntis durante 2023. En total, actuaron en 135 sinistros en todo o ano e unha análise das estatísticas permite concluír que, un ano máis, hai dous puntos negros para a circulación no municipio: as curvas de Castroloureiro e de Portela.
A memoria anual de Protección Civil explica que hai dúas zonas onde se producen a meirande parte dos accidentes. Unha delas é a estrada N-640, especialmente no tramo coñecido como 'curvas de Castroloureiro', un tramo especialmente perigoso debido ao radio das curvas existentes, con moito arborado que propicia que o firme estea mollado durante boa parte do día e, polo tanto, deslizante.
A segunda é a estrada EP-8401, que une os lugares de Portela e Souto de Vea. Tamén alí existen curvas tamén pronunciadas e circulan vehículos pesados, que tiveron varios accidentes.
En canto aos sinistros de tráfico, segundo a memoria anual, existe un notable incremento de accidentes en 2023 debido aos que atenderon en concellos limítrofes.
Priorizan as actuacións en Cuntis, pero tamén procuran colaborar con todas aquelas agrupacións que o solicitan, realizando, ademáis, actuacións no ámbito das emerxencias en municipios limítrofes como Caldas de Reis, Moraña ou Portas, onde teñen asinado un convenio de colaboración.
No relativo ás emerxencias, Cuntis está cuberto, en termos normativos, polo Grupo de Emerxencias Supramunicipais de A Estrada, situado a unha distancia de 11 quilómetros e unha isocrona de 20 minutos, e a subsede de Vilagarcía de Arousa do parque de bombeiros comarcais do Salnés, a 23 quilómetros e unha isocrona de 25 minutos. Debido a estes tempos, "elevados para emerxencias tempo-dependentes como pode ser un incendio ou un accidente con atrapados", o servizo municipal é a primeira resposta a emerxencias do Concello.
En 2023 a agrupación tivo 510 actuacións, sendo 190 operativos de Protección Civil. Supón o 37,11% das realizadas e responden a colaboracións co Concello ou con entidades que solicitan a súa presenza en eventos para a coordinación de aspectos de seguridade ou loxística. Engloban accións preventivas ante festividades, probas deportivas ou colaboración con entidades municipais, pero tamén operativos do ámbito da atención sociosanitaria.
Cabe destacar que durante o 2023 o número de mobilizacións foi moito máis elevado que outros anos, para colaborar na seguridade viaria das entradas e saídas do colexio.
Tamén destacan as actuacións por incidencias de circulación, que adoitan ser operativos realizados en estradas, tanto de titularidade municipal como provincial ou estatal, co fin de evitar aos seus usuarios algún perigo existente, como ramas de árbores que puideran caer, verteduras de vehículos ou outra circunstancia que puxese en perigo a seguridade viaria. Foron 43 o ano pasado.
Tamén destaca, por número, a cantidade de intervencións para a recollida de animais. A meirande parte destas actuacións danse por chamadas de veciños que atoparon cans, gran parte deles abandonados, e que, ante a posibilidade de que sexan perigosos, requiren a presenza da agrupación para que se fagan cargo. O seu cometido é a recollida do animal e a comunicación do feito á entidade coa que o Concello ten asinado convenio para a recollida de animais. Foron 57 intervencións durante o ano 2023.
Tamén destacan as asistencias sanitarias, relativas a intervencións nas que o 061 solicita expresamente a presenta da agrupación para colaboración con emerxencias sanitarias ou traslados non urxentes de pacientes a hospitais ou de regreso dos mesmos.
Merecen unha mención especial os avisos de velutina, no que a súa carga de traballo "segue sendo elevada".
Relacionadas:
-
Vinte e catro persoas perderon a vida nas estradas da provincia o pasado ano
Por Oskar Viéitez |
-
O servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis atendeu 327 incidencias no 2022
Por Redacción |
-
A pandemia chegou para revolucionar e acaparar a actividade de Protección Civil de Cuntis
Por Natalia Puga |