As forzas vivas de Pontevedra xúntanse para debater sobre a situación da área sanitaria
Por Redacción
Catro días antes da manifestación que percorrerá as rúas de Pontevedra en protesta pola reordenación do mapa sanitario, que derivará aos pacientes pontevedreses a Santiago para tratarse dalgunhas especialidades, SOS Sanidade Pública celebrou este luns un acto informativo sobre a situación na área norte para concienciar á cidadanía do efecto destes cambios.
Tratouse dun debate no que políticos, representantes de asociacións de veciños, sindicatos e colectivos médicos reflexionaron sobre o desmantelamento que, segundo denuncian, estase producindo na área sanitaria de Pontevedra. Todos eles coincidiron en mostrar a súa preocupación polas medidas adoptadas polo Servizo Galego de Saúde e o seu total rexeitamento á nova reordenación sanitaria.
A charla, aberta á participación e preguntas do público asistente, serviu como quecemento para a manifestación do día 14 e chega apenas dous días despois do Vía Crucis que a Federación de Asociacións de Veciños Castelao celebrou o sábado entre Monte Carrasco, o lugar proxectado para o novo hospital, e Montecelo.