O PSdeG-PSOE critica que o novo mapa sanitario "condena a non medrar" ao hospital de Pontevedra
Por Redacción
O grupo parlamentario do PSdeG-PSOE denuncia que o novo mapa sanitario que empezou a funcionar nos últimos meses deixa un reparto "absolutamente discriminatorio" dos servizos e "condena a non medrar aos hospitais provinciais de Pontevedra, Ourense, Ferrol e Lugo, e provoca a morte dos hospitais comarcais".
No que respecta a Pontevedra, o novo mapa sanitario deseñado pola Xunta de Galicia establece Santiago en lugar de Vigo como hospital de referencia para todas aquelas especialidades que non están na carteira do Complexo Hospitalario de Pontevedra, unha medida que afecta a 300.000 pacientes da área integrada de Pontevedra e O Salnés.
A portavoz de Sanidade do grupo socialista, Carmen Acuña, esixiulle este sábado ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoó, que retire inmediatamente esta redistribución e anunciou que levará ao próximo Pleno do Parlamento unha moción para reclamarlle á Xunta que "remate coa discriminación sanitaria da área sur de Galicia".
A socialista criticou que o goberno galego ten modificado o mapa sanitario a través dunha instrución interna pola que deriva aos usuarios do Salnés, Pontevedra e Vigo á área de Santiago, mentres, á súa vez, deriva a Vigo especialidades que se ofrecen en Ourense. Ao seu entender, a reforma "afecta ás áreas urbanas onde non goberna o Partido Popular, como son as cidades de Ourense, Vigo e Pontevedra".
Os socialistas reclaman tamén, a través desta moción, que a Xunta anule tódalas privatizacións realizadas e as que están por realizar nos centros sanitarios do sistema público na provincia de Pontevedra e insta a retomar o paralizado Plan de Mellora de Atención Primaria nos centros de saúde desta provincia.
Acuña esíxelle ao goberno galego que reactive as infraestruturas sanitarias paralizadas polo Goberno de Feijóo nesta provincia e que adxudiquen o proxecto de ampliación do Hospital Montecelo de Pontevedra co obxectivo de que poida estar ser adxudicado antes de finalizar 2014.