Dous detidos nun operativo contra o trapicheo de drogas en Virxe do Camiño e Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha operación antidroga liderada pola Policía Nacional co apoio da Policía Local de Pontevedra deixou na mañá deste xoves dous detidos no centro da cidade e o barrio de Monte Porreiro.
Segundo puido saber PontevedraViva, os dous detidos son de orixe dominicano e interviñéronlles nos seus domicilios papelinas de cocaína preparadas para a súa distribución polo miúdo.
Os dous detidos dedicábanse supostamente ao trapicheo de droga a pequena escala.
Á primeira hora da mañá, un nutrido grupo de axentes de ambos os corpos realizaron dous rexistros na rúa Virxe do Camiño do centro da cidade e nunha zona da rúa Alemaña do barrio de Monte Porreiro. En cada un dos rexistros procedeuse á detención dunha persoa.
Fontes veciñais confirman que a partir das 7.00 horas empezaron os rexistros, que resultaron aparatosos ao participar tamén efectivos dos GOES, os Grupos Operativos Especiais de Seguridade, da Policía Nacional desprazados desde A Coruña. Por parte da Policía Nacional interviñeron axentes do grupo 1 da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) e da Policía Local, o grupo SAI, especializado na loita contra a droga.
Fontes policiais confirmaron os rexistros e fontes extraoficiais indicaron que tamén se interviñeron distintas cantidades de diñeiro e un vehículo.
Está previsto que os dous detidos sexan postos ao dispor do Xulgado de Garda de Pontevedra este venres 2 de febreiro.
Relacionadas:
-
UDYCO Pontevedra recibirá un dos Premios Nécora de Ouro da Fundación Galega contra o Narcotráfico
Por Redacción |
-
As actuacións da Policía Nacional contra o trapicheo en Vilagarcía suman nove persoas detidas no que vai de ano
Por Redacción |
-
Tan só detectan unha infracción nun control de 25 vehículos de transporte escolar
Por Redacción |