UDYCO Pontevedra recibirá un dos Premios Nécora de Ouro da Fundación Galega contra o Narcotráfico
Por Redacción
A Unidade de Drogas e Crime Organizado (Unidade UDYCO Pontevedra) recollerá este venres uno dos premios Nécora de Ouro, que anualmente outorga a Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Tamén recibirán o galardón Rosa Ana Morán Martínez, fiscal xefa da Fiscalía Especial Antidroga na Audiencia Nacional; o Centro de Análise e Operacións Marítimas de Narcotráfico; e Ramón Gómez Crespo, fundador do Proxecto Home Galicia.
Estes premios son outorgados para recoñecer o labor desenvolvido por persoas e entidades na loita contra o narcotráfico e as drogodependencias.
Para a Fundación, a UDYCO Pontevedra desenvolveu importantes operacións en delitos de tráfico de drogas, crime organizado e branqueo de capitais. Destacan, sobre todo, o seu labor contra o tráfico de heroína e, en especial, as súas actuacións no denominado tráfico medio e menudeo axudando a retirar a droga das rúas.
Lembran que leva incautados preto de 300 kg de heroína no último decenio, logrando a desarticulación de numerosas organizacións coa incautación dos bens de narcotraficantes.
Pola súa banda o MAOC (N), o Centro de Análise e Operacións Marítimas de Narcotráfico, é premiado pola identificación que realiza de centenares de embarcacións e tramas de tráfico de drogas combaitendo o movemento de entrada por vía marítima. Durante 2023, este centro coordinou e apoiou operacións nas que se incautaron máis de 92 toneladas de drogas, incluída unha cantidade récord anual de cocaína.
A fiscal xefa Rosa Ana Morán recibirá o Nécora de Ouro polo seu impulso e coordinación das investigacións e operacións das forzas e corpos de seguridade do Estado, ademais da súa insistencia en destacar a prioridade de reforzar a dotación de medios humanos, técnicos e organizativos para as unidades antidroga.
Tamén propuxo a adopción de importantes reformas legais para mellorar a loita contra o narcotráfico en España, apostando pola investigación patrimonial.
Por último, Ramón Gómez Crespo destaca polo seu compromiso persoal e profesional para transformar vidas e comunidades durante máis de 34 anos, traballando na rehabilitación e reinserción social de persoas adictas. Foi fundador en 1990 de Proxecto Home Galicia, organización que dirixiu ata 2020. Actualmente colabora tamén coa entidade como presidente do Padroado da Fundación Monte do Gozo.
A entrega dos premios realizarase este venres 5 na vixésimo primeira edición da Gala Anual da Fundación. O acto celebrarase no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa a partir das 20.30 horas coa actuación da Banda de Música de Vilagarcía e a presentación de Manuel Torrente.
A entrada é libre ata completar a capacidade do recinto.
Relacionadas:
-
Operación contra o tráfico de drogas e o branqueo nunha náutica de Vilaxoán e outros puntos do Salnés
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detido por narcotráfico un inspector de policía vinculado durante 20 anos ao Greco de Pontevedra
Por Redacción |
-
Desarticulan un grupo criminal "moi activo" que distribuía heroína en Galicia
Por Redacción |
-
Desarticulan dous focos "moi activos" de venda de cocaína en Pontevedra
Por Redacción |
-
Dous detidos nun operativo contra o trapicheo de drogas en Virxe do Camiño e Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Policía Nacional intercepta uns trinta quilos de heroína na Autovía do Salnés
Por Oskar Viéitez |