Detido por narcotráfico un inspector de policía vinculado durante 20 anos ao Greco de Pontevedra
Por Redacción
A Unidade de Asuntos Internos da Policía Nacional detivo pola súa presunta relación co narcotráfico a un inspector que, durante 20 anos, estivo vinculado ao Grupo de Resposta Especial contra o Crime Organizado (Greco) Galicia, con sede na Comisaría de Pontevedra.
Este inspector xefe chegou a ocupar cargos de responsabilidade no Greco en Pontevedra e agora estaba destinado a Colombia, como agregado do Ministerio do Interior na embaixada de España neste país suramericano.
Segundo a información publicada polo xornal EL MUNDO, a detención tivo lugar en Vigo o pasado sábado, nada máis chegar de Colombia, onde foi enviado o ano pasado como oficial de ligazón para favorecer as relacións internacionais en materia de narcotráfico.
A detención realizárona os axentes de Asuntos Internos no marco dunha operación dirixida polo Xulgado de Instrución número 7 de Murcia. Tras a súa detención, foi trasladado a Murcia e este luns foi posto ao dispor xudicial. O xuíz deixoulle en liberdade provisoria sen fianza, aínda que con medidas cautelares e en calidade de investigado. Retiráronlle o pasaporte e está obrigado a presentarse cada 15 días en sede xudicial.
A causa xudicial instrúese por narcotráfico e atópase baixo secreto de sumario. De momento, está aínda por determinar a vinculación do detido co tráfico de drogas.
EL MUNDO publica que, en principio, acúsano de estar vinculado cunha rede de narcotraficantes que introducía droga pola costa de Murcia e está investigado polos delitos de pertenza a organización criminal, contra a saúde pública, suborno, branqueo de capitais, omisión do deber de perseguir delitos e revelación de segredos.
O detido é moi coñecido na loita contra a droga en Galicia e recibiu condecoracións polo seu traballo.
A súa detención prodúcese no marco da mesma causa na que en febreiro ingresou en prisión o xefe rexional da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) en Murcia.