Estrella Galicia pon en marcha unha nova edición de 'A Nosa Verbena'
Estrella Galicia volve poñer en marcha A Nosa Verbena, un proxecto cuxo obxectivo é manter vivas e dar un novo impulso a estas celebracións, especialmente en pequenos municipios nos que o despoboamento, a falta de orzamento ou o abandono rural están a poñer en perigo as súas tradicións.
Tras o éxito de edicións pasadas, nas que centos de candidaturas se postularon para recuperar as súas festas, a iniciativa pretende impulsar de novo a participación. Todos aqueles lugares galegos que queiran revitalizar as súas verbenas e celebralas dunha forma moi especial poden inscribirse na ligazón https://estrellagalicia.es/anosaverbena/. Entre todos os candidatos, seleccionaranse sete gañadores, que recibirán o apoio da cervexeira para recuperar a súa festa e poder manter viva unha tradición arraigada no rural galego que trae consigo, ademais, un beneficio socioeconómico para o lugar que a celebra e as localidades veciñas.
Goretti Castro, Manager de cultura, proximidade e gastronomía do grupo Hijos de Rivera sinala que "para nós, as verbenas son unha manifestación cultural única, polo que estamos moi orgullosos de poder reivindicalas e custodialas para as futuras xeracións. Non nos resignamos a perder o noso patrimonio inmaterial". E engade que "Por iso, buscamos a maneira de impactar nestas zonas rurais cada vez máis despoboadas, e facémolo recuperando as lendarias verbenas galegas, pero non só para a xente maior, senón para as xeracións futuras, logrando que as verbenas sexan punto de encontro interxeracional"
Fiel á súa natureza inconformista, a cervexeira segue avanzando nesta iniciativa que, ademais de axudar a protexer a celebración, proporciona apoio ás localidades para que, ao longo dos anos, a tradición continúe de forma autónoma grazas aos veciños. Con iso, ademais de xerar un retorno económico aos negocios da zona, axuda a manter vivo o espírito de comunidade que respiran este tipo de eventos.
Grazas a este proxecto, na pasada edición de 2023 recuperáronse seis verbenas: das festas de San Pedro de Cornazo, de San Bieito de Cea de Taboada de Monfero, así como a festa das Neves de Oimbra, a Festa das Dores de Forcarei e a Virxe do Carme de Brosmos en Sober, Lugo, mantendo así viva a tradición e o arraigamento en todas estas localidades. Grazas a esta iniciativa impulsada por Estrella Galicia, as verbenas destas localidades volverán celebrarse durante o 2024.
Segundo José Ramón, un dos representantes da comisión de festas de Taboada de Monfero: "Despois de 20 anos, volvemos estar no mapa das verbenas, grazas a Estrella Galicia".
Doutra banda, desde as festas da Virxe do Carmen de Sober, manifestan que "os plans para este ano, é volver facer a festa, xa que os obxectivos foron conseguidos, a xente quedou moi contenta e agradecida"
Igualmente, das cinco verbenas celebradas no 2022, durante a primeira edición da Nosa Verbena, en Lobeira, Vilachán, a Portela de San Xulían e as festa de Quilma e Curra de Carnota, volveron celebrarse durante o ano pasado.
Deste xeito, pequenos lugares rurais de todas as provincias galegas tiveron a oportunidade de contar no seu programa a diferentes monologuistas, así como orquestras, charangas e diversas actividades de lecer que conseguiron atraer numerosos visitantes e revitalizar o seu sentimento de comunidade ao redor da celebración.
Así, durante as próximas semanas, a cervexeira recollerá e estudará as diferentes candidaturas para elixir as localidades que participarán nesta nova edición da Nosa Verbena, un paso máis que demostra o compromiso de Estrella Galicia coa súa orixe, un dos catro piares que sustentan a Estratexia de Impacto Positivo de Hijos de Rivera.
Os requisitos que deberán ter as localidades que queiran optar a participar nesta iniciativa, son que as verbenas en cuestión se deixaran de celebrar por falta de recursos e que haxa unha persoa dispoñible a colaborar para a organización e recuperación da verbena da man de Estrella Galicia.