Os tres grupos municipais reclamarán á Xunta unha solución urxente para a Estación de Autobuses
Por Redacción
Os grupos municipais do Partido Popular, BNG e PSOE aprobaron por unanimidade na comisión de Infraestruturas que se desenvolveu este martes 11 a solicitude á Xunta de Galicia dunha urxente actuación nas instalacións da Estación de Autobuses. As tres agrupacións políticas coincidiron en sinalar a necesidade dunha urxente reforma do edificio ante os problemas de "seguridade e salubridade" que ofrece aos usuarios dese espazo, segundo informou o concelleiro Luís Bará.
Este asunto será levado ao pleno deste mes para despois trasladar a petición á Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas para que actúe con urxencia na mellora das instalacións dun edificio que depende da administración autonómica e que, nos últimos anos, foi sufrindo a perda de empresas neste espazo.
Na comisión de Infraestructuras, tamén se decidiu por unanimidade trasladar á Xunta de Galicia a solicitude do voceiro do Partido Popular para crear beirarrúas no ámbito do Colexio de San André de Xeve que garantan a seguridade da comunidade escolar nese ámbito.
Tamén se informou na comisión das propostas da Policía Local de Pontevedra para reorganizar o tráfico e os aparcadoiros nas proximidades ao Centro de Saúde da Parda. Este tema tratouse a título informativo e, na próxima comisión, abordarase analizando tamén a organización do aparcadoiro na Casa do Mar.
Os concelleiros do Partido Popular preguntaron, na quenda de rogos e preguntas, sobre a reclamación de 2 millóns de euros realizada pola UTE Sercoysa-Ogensa-Atlántica pola obra realizada na Ponte das Correntes. Ademais piden que se estude a construción dun miradoiro de Pazos, na zona na que se encontraba o antigo colexio de Marcón.