A Fiscalía pide 4 anos de cárcere para unha condutora que causou un accidente mortal en Paxariñas
Por Oskar Viéitez
O sinistro ocorrido ás 2.20 horas da madrugada do 19 de xullo de 2020 na curva de Paxariñas no que morreu un mozo de 24 anos de Vilagarcía verase este venres, día 9, no xulgado do Penal número 2 de Pontevedra.
No banco dos acusados sentará unha condutora acusada de provocar ese accidente de tráfico.
A Fiscalía asegura que a condutora circulaba coa súa Wolkswagen Golf a 126 quilómetros por hora nun tramo limitado a 70 da estrada PO-308 en sentido A Lanzada cando "perdeu o control do seu vehículo" e invadiu o carril contrario, chocando de forma frontal contra un Wolkswagen Polo no que viaxaba a vítima mortal, un mozo de 24 anos veciño de Vilagarcía de Arousa.
O representante do Ministerio Público considéraa autora dun delito de homicidio por imprudencia grave e pide que sexa condenada a catro anos de prisión e que se lle prohiba conducir vehículos por seis anos.
Tamén esixe para cada un dos pais do falecido unha indemnización de 91.780,80 euros e de 26.521 para cada unha das súas dúas irmás. Do mesmo xeito, pide que indemnice á acompañante da condutora que tamén resultou ferida con 4.836 euros e con 354 euros ao Sergas, polos gastos causados.