Un mozo de 24 anos falece nun accidente de madrugada en Portonovo
Por Redacción
Un veciño de Vilagarcía de 24 anos faleceu durante a madrugada deste domingo nun accidente de circulación rexistrado na estrada PO-308, ao seu paso polo lugar de Portonovo, na parroquia de Adina, na coñecida como curva de Paxariñas.
Segundo informou a Garda Civil, o sinistro consistiu na colisión fronto-lateral entre dous turismos. Nun vehículo viaxaban dúas persoas que resultaron feridas leves e no outro o mozo finalmente falecido.
Segundo a información de Emerxencia de Sanxenxo, o mozo quedou atrapado no seu turismo e tivo que ser excarcerado. A pesar dos esforzos dos sanitarios, faleceu.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, tívose constancia do accidente ás 2.35 horas da madrugada a través da chamada dun particular que indicaba que o coche estaba envorcado na cuneta e que, posiblemente, houbese unha persoa inconsciente e atrapada dentro do vehículo.
Desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido á gravidade das feridas mobilizou unha ambulancia medicalizada ata o lugar. Tamén foron informados do sinistro os axentes da Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Ribadumia e os efectivos de Emerxencias de Sanxenxo.
Así mesmo, para recuperar as condicións de seguridade da vía pediuse a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada.