Unha moza de 16 anos, ferida nun atropelo nun paso de peóns a primeira hora da mañá
Por Natalia Puga
Unha moza de 16 anos resultou ferida e tivo que ser trasladada a un centro hospitalario tras sufrir un atropelo mentres cruzaba un paso de peóns na avenida María Victoria Moreno.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Pontevedra, o atropelo produciuse sobre as 8.30 horas da mañá deste xoves.
No momento no que se produciu o atropelo, había pouca luz e chovía intensamente. Segundo fontes policiais, a moza cruzou de súpeto o paso de peóns, un condutor non a viu e impactou con ela.
A moza foi atendida por unha ambulancia do 061 no propio lugar dos feitos, onde se comprobou que, a priori, o seu estado é "leve".
De todos os xeitos, foi trasladada ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra para a súa revisión.
A Policía Local levantou atestado do ocorrido.