Vinte e dúas novas prazas para completar o plantel da Policía Local
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra anunciou a convocatoria de vinte e dúas novas prazas para a Policía Local, incorporacións coas que espera cubrir a práctica totalidade do seu persoal, situada nestes momentos en 123 traballadores.
As bases que regularán todo este proceso xa foron aprobadas.
Destas prazas que saen a oposición, nove delas serán de acceso libre, polo que os exames dependerán directamente da Academia Galega de Seguridade Pública.
Outras catro, pola súa banda, resérvanse para mobilidade entre concellos, polo que só poderán presentarse policías locais que xa estean a exercer noutros municipios. Ofreceranse dúas prazas de policías e outras dúas de oficiais.
As nove prazas restantes serán de promoción interna. Mediante este proceso preténdese cubrir seis postos de oficiais, un inspector, un inspector principal e un intendente xefe.
Tras finalizar este proceso interno, as nove prazas que deixarán vacantes os gañadores convocaranse na seguinte quenda de contratación pública.
Actualmente, das 123 prazas que ten a Policía Local están cubertas 110, segundo os datos facilitados polo Concello.
DIRECTOR XERAL DE RECURSOS HUMANOS
Ademais, o goberno municipal tamén iniciou o proceso para cubrir o posto de director xeral de Recursos Humanos. Os interesados terán dez días, tras a publicación da oferta, para presentar as súas candidaturas.
Para optar a este posto, hai que ser funcionario do grupo A1 e terase en conta que teña experiencia previa na xestión, dirección e coordinación de persoal.