O acordo cun particular permite desbloquear o saneamento de Verducido
Por Redacción
Tras varios anos atrancadas, por non ter o permiso de todos os propietarios dos terreos polos que teñen que atravesar as canalizacións, as obras de saneamento da parroquia de Verducido por fin están debloqueadas. Darán servizo a cen vivendas dos lugares de Verducido e Covadáspera.
A empresa adxudicataria da auga, Viaqua, foi a encargada de xestionar a autorización de ducias de particulares que debían deixar pasar as tubaxes de saneamento polas súas leiras.
Os traballos poderán retomarse tras o acordo alcanzado, coa mediación da concelleira do Rural, María Xosé Abilleira, co último propietario que autorizou o paso do saneamento.
O saneamento de Verducido está proxectado en dúas fases e está valorado en máis de 4,7 millóns de euros. A primeira fase, que custou case 2,5 millóns, está practicamente rematada e pendente de conectar e a segunda, cun investimento de 2,36 millóns, poderá comezar agora.
A autorización deste último particular era necesaria para poder conectar a primeira fase e a segunda e darlle saída a todo o saneamento.
Unha vez rematada a conexión da primeira fase, Viaqua presentará o proxecto da segunda fase no Concello para ser aprobado e iniciar os traballos para poder conectar a unas 200 vivendas.
O alcalde informou de primeira man aos veciños do estado do saneamento a través dunha carta enviada a todos os domicilios de Verducido.
Encauzado o saneamento de Verducido, o Concello xa traballa en desbloquear o saneamento de Santo André de Xeve, no lugar de Fragoso, que tamén está pendente de permisos.
Santo André de Xeve ten dous proxectos de ampliación do saneamento valorados en algo máis de 5 millóns de euros. A zona sur, que está en execución, ten un custe de case 2,38 millóns de euros, e a zona norte, pendente dos permisos, de 2,67 millóns.
Con estas dúas parroquias solventadas, a totalidade do saneamento do rural estaría encauzada e en distintas fases de execución, segundo destaca o goberno municipal, ou ben rematada.
Relacionadas:
-
Ofrecemento do PP para mediar ante os problemas veciñais coas redes de saneamento e abastecemento no rural
Por Redacción |
-
Lembran á veciñanza do rural que solicite a conexión ás redes de saneamento e abastecemento antes de pavimentar as vías
Por Anxo Lourido |
-
Oubiña invita á veciñanza das parroquias a sumarse ás acometidas de saneamento e abastecemento
Por Redacción |