A Fiscalía pide 38 anos de cárcere para un padrasto por violar e abusar durante unha década da filla da súa parella
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra celebrou este martes un xuízo contra un home acusado de violar e abusar sexualmente durante unha década da filla da súa parella.
A Fiscalía solicita para el unha condena de 17 anos de cárcere polo delito continuado de agresión sexual a menor, 17 anos de cárcere polo delito continuado de agresión sexual e 4 anos de cárcere por un delito de lesións.
Ademais, o Ministerio Fiscal pide para o acusado a prohibición de aproximarse á vítima a unha distancia inferior a 100 metros, así como ao seu domicilio, centro de estudos, lugar de traballo e outros lugares frecuentados por ela durante 9 anos e de comunicarse con ela por calquera medio durante o mesmo tempo, polos delitos de agresión sexual. Durante 4 anos polo delio de lesións.
Unha vez cumprida a condena, deberá impoñerse, segundo solicita a Fiscalía, 8 anos de liberdade vixiada polos delitos de agresión sexual e 4 polo de lesións.
Por último, o Ministerio Público pide que o acusado indemnice á vítima con 9.900 euros polas lesións psíquicas causadas e na cantidade de 75.000 euros polas secuelas padecidas como consecuencia dos feitos delituosos.
Durante a vista oral o procesado non recoñeceu os feitos polos que está acusado negándose a contestar as preguntas da fiscal e da acusación particular, o avogado da defensa tampouco fixo preguntas.
Con todo, a vítima relatou con detalle os feitos delituosos que tiveron lugar "casi a diario" sen o seu consentimento no domicilio no que convivían, nun parroquia do rural de Pontevedra, durante 10 anos, entre 2009 e 2019.
Esta moza decidiuse a denunciar os feitos cando a súa curmá desveloulle que estaba a ser acosada polo acusado, ese mesmo día contoulle á súa nai que o home que era a súa parella "abusó sexualmente de mi durante años", entón acudiu á Comisaría para presentar a denuncia contra o seu padrasto.
Ante o tribunal, a moza explicou que cando tiña 8 anos foise coa súa nai para vivir a casa do acusado e que pronto empezaron os abusos ao acudir o seu padrasto "prácticamente todas las noches" á súa habitación para facerlle tocamentos mentres el se masturbaba. "Yo no sabía cómo reaccionar y me hacía la dormida mientras todo pasaba", asegurou.
Gradualmente estas accións foron a máis chegando a obrigar á nena a que lle fixese felacións algo que "sucedió en repetidas ocasiones". Para que non revelase o sucedido o acusado intimidábaa e tamén lle dicía que se llo contaba a alguén a botaría da súa casa a ela e á súa nai, con quen chegou a ter varios fillos.
Segundo o relato da vítima as agresións do seu pai tamén se repetiron as fins de semana cando ían á casa dos seus avós. Cando tiña 16 anos violouna, "yo solo sentía dolor", dixo a moza coa voz entrecortada.
A moza tentou suicidarse en varias ocasións e está a recibir tratamento psiquiátrico e psicolóxico por estes feitos.
Relacionadas:
-
Dezasete anos de cárcere para un home por agredir sexualmente á filla da súa exmuller
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide dous anos de prisión para un quiromasaxista de Caldas por abusar sexualmente dunha peregrina hondureña
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG confirma a condena imposta a dous acusados de enviar cocaína desde Vilanova ata Barcelona en coches con dobre fondo
Por Oskar Viéitez |
-
Denegan a extradición a Colombia do xefe dunha organización de sicarios que se ocultou durante anos en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A "tortura terrible" dunha nai tras perder a custodia dos seus fillos por suposta alienación parental
Por Natalia Puga |