'Eu son tipo 1, e ti?', a pregunta que axuda a concienciar sobre a diabetes
Por Redacción
A asociación ANEDIA (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia) está a levar a cabo un programa integral de actividades nos centros educativos da área de Pontevedra, que abrangue Marín, Poio e Pontevedra.
Baixo o nome de 'Eu son tipo 1, e ti?', o proxecto ten como obxectivo principal concienciar e educar sobre a diabetes, abordando tanto a estudantes como a profesorado, a través de contacontos sobre saúde, alimentación e diabetes adaptados ás distintas etapas educativas.
Este luns 26 de febreiro comezaron as actividades no colexio de Marcón con Raquel Queizás e o seu espectáculo de contacontos Son San , dirixido os máis pequenos do colexio.
Tamén no CEIP Cabanas, centro no que teñen alumnado con diabetes, desenvolveuse outra actividade de contacontos, neste caso titulada Nano ten diabetes.
O seu nome 'Eu son tipo 1, e ti?' fai referencia ao tipo de diabetes, sendo as máis coñecidas as tipo 1 e tipo 2. A asociación engade que "dicimos que unha persoa ten diabetes tipo 3, cando coida dunha persoa con diabetes, por iso queremos que nos coles sexan todos tipo 3, porque coidan e protexen as persoas con diabetes do seu entorno familiar e escolar".