O TSXG decreta a suspensión cautelar de 13 parques eólicos tras a sentenza do Tribunal Supremo
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tras a sentenza emitida polo Tribunal Supremo (TS) o pasado mes de decembro, adaptou os criterios á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto a parques eólicos.
Desde esa resolución do alto tribunal, que rexeitou dous das causas que o TSXG tivo en conta para decretar a anulación dalgunhas instalacións, ambas relacionadas co prazo do trámite de información pública no procedemento de avaliación de impacto ambiental seguido antes de ditarse a autorización dos proxectos e do acceso aos informes sectoriais polo público interesado nese trámite, emitiu ata hoxe 18 autos nos que decide sobre a solicitude de suspensións cautelares de autorizacións administrativas e de construción de 16 parques eólicos, dos cales 13 decretaron as suspensións e, o resto (3), as rexeitaron.
A medida cautelar, tal e como lembra a Sala nalgúns dos autos, ten unha vixencia temporal, “ao ser a resposta que o órgano xudicial concede para evitar que o lapso de tempo que transcorre ata que recae un pronunciamento xudicial firme supoña a perda da finalidade do proceso”.
O tribunal incide en que o presuposto da medida cautelar é a perda da finalidade lexítima do recurso -efecto da sentenza-, isto é, que a tardanza en ditar un pronunciamento sobre a cuestión de fondo poida facer inoperante o decidido.
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo, tras a resolución do TS, rexeita como un dos motivos para adoptar as medidas cautelares demandadas respecto aos parques eólicos a aparencia de bo dereito –fumus boni iuris- no que afecta aos prazos para someter o procedemento de avaliación do impacto ambiental ao trámite de información pública e ao momento en que se deben solicitar os informes sectoriais. O feito de non apreciar o fumus boni iuris nese sentido non obsta a que a Sala analice nos autos, tal e como fixo noutras resolucións emitidas antes da sentenza do Tribunal Supremo, outros aspectos á hora de pronunciarse sobre as medidas cautelares.
Entre eles, destaca a concorrencia ou non do periculum in mora, o cal consiste en ter en conta o risco de atrasar ou non tomar a decisión cautelar, co obxectivo de asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil, así como a valoración dos danos que podería ocasionar a construción dos parques. “É necesario ter en conta que non basta con facer unha referencia xenérica a danos posibles, senón que se deben singularizar e acreditar, isto é, débese pasar da abstracción á concreción”, explican os maxistrados nalgunhas das resolucións.
Ademais, nos autos, os xuíces teñen en conta, como requisito complementario ao periculum in mora, ou perda da finalidade lexítima do recurso, a ponderación dos intereses en conflito -os particulares, os xenerais e os de terceiros- en cada caso concreto. Na ponderación deses intereses contrapostos (público e privado), segundo explica o tribunal, debe prevalecer o que resulte máis digno de protección. Nos autos, a Sala destaca que prevalecen os principios de cautela, prevención e precaución en materia ambiental, así como a preponderancia que teñen sobre a captación e transporte de enerxía eléctrica, salvo que se acredite o interese xeral que para o sistema eléctrico teña a execución e funcionamento do parque eólico analizado en cada caso en concreto.
Á hora de apreciar o periculum in mora, o tribunal ten en conta información obxectiva proveniente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, o cal delimitou áreas non recomendadas para a instalación da enerxía eólica, así como informes sobre hábitats prioritarios e de interese comunitario.
Entre eses parques eólicos nos que o TSXG adoptou as medidas cautelares solicitadas atópanse os de Touriñan III-2 (A Estrada, Cuntis e Campo Lameiro) e o de Monte Peón (A Lama).
Relacionadas:
-
Suspendido preventivamente o parque eólico de Porto Vidros, entre Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O TSXG suspende de forma cautelar as autorizacións de dous parques eólicos
Por Redacción |
-
ADEGA presentará, grazas a doazóns cidadás, un recurso no TSXG contra o proxecto eólico Touriñán III-2
Por Redacción |
-
Pleno extraordinario na Lama para escenificar o rexeitamento do pobo ao parque eólico de Monte Peón
Por Redacción |
-
A Comunidade de Montes de Antas interpón un recurso de alzada contra o parque eólico de Monte Peón
Por Oskar Viéitez |