O TSXG suspende de forma cautelar as autorizacións de dous parques eólicos
Por Redacción
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión da executividade da resolución do 23 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, pola que se concedeu autorización administrativa previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Faro Ampliación II.
No auto, a Sala indica que as obras, "pola súa propia natureza e a interacción coa contorna", son susceptibles de causar "un grave dano a valores ambientais sensibles", pois foron "sinalados previamente por informes rigorosos e imparciais incorporados polo Ministerio de Transición Ecolóxica á DAE, tanto na afectación a hábitats prioritarios e de interese comunitario como de especies ameazadas". Por iso, os maxistrados indican que, "obrando co principio de cautela", ante a "simple hipótese de que ese dano poida ser de difícil ou imposible reparación -algo que non é posible demostrar cunha proba plena ata que o dano está producido-", optan por "apreciar a concorrencia dese presuposto fundamental da tutela cautelar, que pode facer ineficaz a sentenza que no seu día se dite, se o dano está irremediablemente causado". Ademais, neste caso, a Sala entende que, na ponderación de intereses en conflito, a protección do medio ambiente ha de ser prevalecente en sede cautelar.
AS PENIZAS
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén acolleu a solicitude de medida precautoria consistente na suspensión da autorización administrativa previa e de construción do proxecto do parque eólico As Penizas, situado nos municipios de Forcarei e Cercedo-Cotobade (Pontevedra). A Sala considera indiciariamente acreditado que, aínda que non se produce a implantación do parque en espazo protexido, "si existe unha afección paisaxística clara, dada a proximidade da poligonal co contorno das áreas protexidas". Resulta relevante neste campo, segundo o auto, "a inclusión do espazo da poligonal eólica na área cualificada como de exclusión eólica polo Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica".
Os maxistrados entenden que o contido do informe de zonificación, aplicado á zona litixiosa, "serve como un indicio de que existen valores ambientais significativos, e que por esa razón foi preseleccionada polo Ministerio". Por iso, inciden en que o documento, "debido aos parámetros ambientais empregados para a súa elaboración, a independencia e solvencia da súa autoría, que foi promovida polo Ministerio e forma parte da Declaración Ambiental Estratéxica do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima", se reputa, nesta sede cautelar, "suficiente por si só para -acreditado que o polígono eólico se pretende construír total ou parcialmente sobre a superficie cualificada como incompatible ou de exclusión- que deba dar lugar á apreciación da concorrencia de valores ambientais protexidos que se poñen en risco coas obras que se pretenden realizar". Ademais, os maxistrados destacan que "non é discutido polas demandadas que as obras terían lugar dentro do espazo de exclusión fixado polo Mapa de Zonificación do Ministerio e que forma parte da declaración ambiental estratéxica do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima".
En canto ás especies ameazadas ou en perigo de extinción, o TSXG considera "indiciariamente acreditada a presenza de lobo na contorna do lugar onde se vai a executar o proxecto, sen que se realizase un estudo previo sobre os lugares de encame e encontro, que tampouco se describen nin se deixan acreditados".
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tras a sentenza emitida polo Tribunal Supremo (TS) o pasado mes de decembro, adaptou os criterios á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto a parques eólicos. Desde esa resolución do alto tribunal, que rexeitou dous das causas que o TSXG tivo en conta para decretar a anulación dalgunhas instalacións, ambas relacionadas co prazo do trámite de información pública no procedemento de avaliación de impacto ambiental seguido antes de ditarse a autorización dos proxectos e do acceso aos informes sectoriais polo público interesado nese trámite, emitiu ata hoxe 20 autos nos que decide sobre a solicitude de suspensións cautelares de autorizacións administrativas e de construción de 17 parques eólicos, dos cales 15 decretaron as suspensións e, o resto (2), as rexeitaron.
Relacionadas:
-
Pontevedra maniféstase "contra a depredación enerxética"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Suspendido preventivamente o parque eólico de Porto Vidros, entre Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O TSXG decreta a suspensión cautelar de 13 parques eólicos tras a sentenza do Tribunal Supremo
Por Redacción |
-
Denuncian a aparición dunha pedra de grandes dimensións fóra da zona de obras do polígono eólico de Acibal
Por Redacción |
-
O TSXG rexeita suspender de forma urxente a autorización do parque eólico das Penizas e ordena seguir co trámite xudicial ordinario
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade presenta recurso de alzada contra a autorización aos parques eólicos
Por Redacción |
-
Adega abre dúas vías de crowdfunding para loitar contra os proxectos eólicos das Penizas e Touriñán III-2
Por Redacción |