Permitir o rareo do marisco durante o cese de actividade foi "un acto de xustiza coa xente do mar"
Por Redacción
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, estivo este mércores no banco do Ameixal, en Lourido, acompañando ás mariscadoras na segunda xornada de traballo no fondo da ría de Pontevedra para realizar labores de rareo (traslado dos bivalvos) e limpeza de mexillón.
Losada lembrou que esta actividade se realiza baixo o amparo legal do criterio aprobado polo Goberno de España. Un cambio interpretativo que permite realizar estas tarefas mentres as traballadoras perciben axudas por cese de actividade.
O subdelegado, acompañado de Raquel Gómez, presidenta da Agrupación de Marisqueo a Pé da Confraría San Telmo de Pontevedra, cualificou como "un acto de xustiza para a xente do mar" a entrada en vigor desta medida para satisfacer unha antiga reivindicación do colectivo.
"Non tiña sentido ningún prohibirlle ás mariscadoras facer este tipo de labores, que non reportan ningún beneficio inmediato, porque axudan moito a que haxa produtividade en anos vindeiros, evitando, por tanto, novos ceses de actividade no futuro por falta de produto nos bancos", manifestou Losada.
Quixo facer o subdelegado un recoñecemento explícito ao traballo das directoras do Instituto Social da Mariña (IMS) de Vigo e Vilagarcía, Rosa María Alonso e Nerea Álvarez, que trasladaron esta necesidade á directora do ISM, Elena Martínez, así como á propia Federación de Confrarías. Losada puxo tamén en valor a sensibilidade da Dirección Xeral da Seguridade Social, cuxa directora xeral, Marta Morano, asinou o novo criterio interpretativo que permite ás traballadoras do Réxime Especial de Traballadoras do Mar (REM) desenvolver este tipo de traballos nas praias sen perder os dereitos que lles corresponden por cese de actividade. E, finalmente, aludiu ao "rigor" dun ministro de Agricultura e Pesca, como Luís Planas, "sempre disposto a defender ao sector primario".
Na súa visita a Lourido e Campelo, Abel Losada destacou que esta petición xa fóra formulada polas confrarías ao Goberno de España en 2013, cando estaba presidido por Mariano Rajoy "e non só foi rexeitado, senón que mesmo se deu un portazo a posibilidade de que se fixeran vixilancias para evitar o furtivismo e mesmo limpezas ordinarias". "O Goberno de Rajoy respondeu ás confrarías galegas que a vixilancia e a limpeza eran actividades accesorias do marisqueo cunha finalidade comercial" e, por tanto, incompatibles con cobrar por cese de actividade. Así quedou escrito nun informe asinado o 26 de xuño de 2013.
Losada explicou que a situación comezou a cambiar en maio de 2019, "xa co Goberno progresista presidido por Pedro Sánchez" que admitiu a posibilidade de realizar labores de limpeza e vixilancia en casos de peche das rías por motivos de forza maior ao consideralos "compatibles coa percepción da prestación por cese de actividade". A aquel primeiro paso, dado o 31 de maio de 2019, súmase agora este "novo avance" que admite a compatibilidade da percepción da prestación por cese de actividade das traballadoras do REM "coa realización das funcións de sembra e traslado de bivalvos que resulten imprescindibles para o mantemento da colleita/produción durante o tempo de cese temporal da actividade".
Raquel Gómez explicou que preto de 450 persoas viven do marisqueo na ría de Pontevedra benefícianse deste paso, que responde a unha petición insistente do sector "dende hai tempo" e que agora foi, finalmente, atendida. A mariscadora subliñou que nestes dous días estase a realizar, fundamentalmente, retirada de mexillón do areal, dado que é un competidor natural da ameixa e deixa a auga sen nutrientes. En cada unha destas dúas xornadas retiráronse unhas 6 toneladas.
"O sector primario é clave para nosa a economía e todos sabemos a dureza do traballo do mar", afirmou Abel Losada. "O marisqueo, ademais, é un sector predominante feminino, así que hai que felicitar ás traballadoras por ter insistido chamando á porta do Goberno de España; esa insistencia vén de ter recompensa gracias a que agora hai un Goberno progresista", concluíu Abel Losada.
Ademais, o subdelegado incidiu no impacto do cambio climático, que fai prever que os episodios de baixa salinidade nas rías por mor das intensas choivas como as que se teñen producido durante este último outono e verán na provincia de Pontevedra van ir a máis nos próximos anos. "As Administracións, cada unha no ámbito das súas competencias temos que ser moi sensibles co sector primario; o Goberno do Estado vén de demostralo e cómpre tamén que a Administración autonómica demostre estar ao lado do sector tomando medidas estruturais e non só conxunturais para apoiar á xente que gaña a vida mariscando nas nosas praias".
Segundo os datos do ISM as mariscadoras das ría de Pontevedra estiveron en cese de actividade en dúas ocasións durante o ano 2023, entre o 27 de abril e o 1 de xuño e entre o 5 e o 13 de setembro. Resolvéronse favorablemente 354 e 282 solicitudes de prestacións por cese de actividade, respectivamente. En ámbolos dous períodos foi por toxina. Neste ano, 2024, o cese produciuse o 1 de xaneiro para o marisqueo a flote e o 16 de xaneiro para o marisqueo a pé e a razón foi a baixa salinidade das augas.
Na provincia de Pontevedra hai un total de 3.624 persoas dadas de alta no REM e que traballan nos bancos marisqueiros das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa.
Relacionadas:
-
O marisqueo a pé da ría concentrarase en Campolongo para reivindicar a dignidade laboral
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Ata o 22 de xullo non se volverá a mariscar na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
As confrarías recibirán axudas da Deputación para gastos correntes ante a caída da produción
Por Redacción |
-
Xornada de limpeza dos bancos marisqueiros do fondo da ría
Por Oskar Viéitez |