O ciclo vital do lobo, a cetraría ou a prevención de incendios centran a Semana Forestal 2024
Por Redacción
Coincidindo coa celebración, este xoves 21, do patrón da escola, San Leandro, e tamén do Día Internacional dos Bosques, a Escola de Enxeñaría Forestal substitúe por uns días a actividade académica habitual por un conxunto de conferencias e actividades promovidas polo alumnado.
A importancia da apicultura, o ciclo do vital do lobo, a cetraría ou o labor dos servizos de defensa contra os incendios forman parte das temáticas que, entre este luns e mércores, abordaranse na Semana Forestal 2024, un programa de actividades abertas á cidadanía.
"Trátase de charlas que buscan complementar a formación que se dá nas aulas” e que teñen como protagonistas "xente que vive do sector forestal”, sinalaba Uxío Silva, presidente da delegación.
A Semana Forestal abriuse na mañá deste luns cun relatorio de María de Diego, secretaria da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, no que afondou na importancia da apicultura para o territorio e a preservación da biodiversidade, para logo deterse no labor da indicación xeográfica. Esta actividade viuse complementada por unha cata, a cargo da técnica da IXP Beatriz Ríos, que amosou ao alumnado as características de diferentes tipos de meles monoflorais.
O segundo relatorio tivo como protagonista o lobo ibérico e correu a cargo do axente medioambiental Jorge de Dios Aizpuru, cunha ampla experiencia no estudo desta especie no sur da serra da Culebra. Nun relatorio ao que asistiu tamén alumnado da Escola de Capataces Forestais de Lourizán, o conferenciante buscou amosarlles como identificar os rastros que permiten determinar "a presenza do lobo sobre o terreo”, para logo deterse "no seu ciclo anual, desde o punto de vista reprodutivo”, co propósito de que coñecesen "a súa forma de vida e o seu comportamento”, explicou.
A xornada do martes arrancará cun coloquio sobre a historia, os usos e a importancia da cetraría, que en 2020 foi declarada patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola Unesco, a cargo de Carlos Gallego, presidente da Asocación Galega de Cetreiros e Criadores de Aves Rapaces. A continuación, as xornadas contarán coa participación do gandeiro Roberto Louzán, xerente da marca O Agro, quen, xunto cun veterinario da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), afondará "nas vantaxes de contar con gando nos montes”, así como na problemática "que teñen na actualidade os gandeiros co lobo”, como apuntou Silva.
O mércores 20 terán lugar unha serie de actividades centradas no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia.
Finalmente, tras tres semanas de conferencias e talleres, a Semana Forestal 2024 completarase o xoves 21 co día dedicado á propia celebración do San Leandro, no que o centro acollerá diferentes actuacións musicais.
Relacionadas:
-
Nenos de Ponte Caldelas e estudantes universitarios celebran o Día dos Bosques
Por Oskar Viéitez |
-
Paisaxes de Pontevedra baixo a mirada do artista Simon Callery espállanse na Sala Moldes
Por Redacción |
-
Únense nun concerto a Orquestra Xove de Pontevedra e as aulas de música e baile tradicional do campus
Por Redacción |
-
Comeza no campus de Pontevedra o Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos
Por Redacción |
-
Unha nova guía para incluír a perspectiva de xénero á investigación no ámbito tecnolóxico e industrial
Por Redacción |