Reclaman a apertura dunha sala de estudo no Pazo Besada
Por Oskar Viéitez
O BNG de Poio levará ao pleno do próximo martes unha moción reclamando a apertura dunha sala habilitada para o estudo no Pazo Besada.
Os nacionalistas consideran que "é unha necesidade para o estudando, sexa de ensino medio ou superior, dispoñer dun espazo adaptado con todos os servizos para poder desenvolver a súa actividade académica, nun entorno libre de ruídos e distraccións que fomente a concentración para o estudo".
Ademais, o Bloque lembra que durante a xornada de tarde e os sábados pola mañá o Pazo permanece pechado ao público e sen actividade, unha circunstancia "idónea" para poder garantir o desfrute deste espazo máis ala do servizo asistencial que ofrece pola mañá.
Dende o BNG consideran que o Pazo de Besada cumpre cos requirimentos para poder habilitar unha sala para tal fin, tras a recuperación do inmoble e a súa posta ao servizo da cidadanía no pasado ano, pois conta cunha ampla zona no segundo andar destinada a sala de estudo e lectura.
"A habilitación deste espazo daría resposta a unha necesidade real da mocidade de Poio", asegura o Bloque, que tamén cre que viría a complementar e reforzar o servizo que xa ofrecen a biblioteca municipal en Campelo e a sala de lectura no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Raxó.