Revisan o caso do profesor de academia condenado por bicar a unha alumna sen consentimento e volven condenalo
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de emitir unha nova sentenza sobre o caso do profesor de matemáticas dunha academia da cidade condenado por bicar varias veces na boca a unha alumna de 15 anos sen o seu consentimento e, tras revisar o caso por orde do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), confirma a súa condena inicial.
Na súa primeira sentenza, a Audiencia condenouno por un delito continuado de agresión sexual a dous anos de prisión e outros dous de inhabilitación para o exercicio da profesión de profesor e absolveuno por outro delito de agresión sexual sobre unha segunda alumna. O TSXG anulou esa sentenza e ordenou devolver as actuacións ao tribunal pontevedrés "para que valore debidamente a proba omitida e dite unha nova sentenza".
Agora, esa sentenza confírmase, tanto a condena por un delito como a absolución polo outro. De todos os xeitos, fallo non é firme, pois cabe presentar recurso de novo ante o TSXG
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, nesta nova sentenza, considera probado que o acusado lle enviou á vítima mensaxes de WhatsApp, incluíndo stickers de contido sexual.
En setembro de 2019, segundo o fallo, esperouna cunha gominola na boca, á saída do ascensor da academia, "dándolle un bico na boca, sen contar co seu consentimento".
As xuízas da sección cuarta, ademais, manteñen que, noutra ocasión, presentouse no domicilio da menor, ofreceulle un café e uns doces, agarrouna polos ombreiros e, sen contar co seu consentimento, bicouna na boca.
A sentenza recolle tamén que en novembro de 2019, aproveitando que quedou a soas coa vítima na academia, suxeitoulle a cara e deulle, sen que ela o consentise, dous bicos na boca.
Outros bicos non consentidos foron cando o acusado baixaba no ascensor con ela, "suxeitouna contra a parede, e, en contra da súa vontade, bicouna na boca" e un día que aproveitou de novo que estaban sós na academia para entrar na aula onde estaba a vítima e, sorpresivamente, bicala na boca, tamén sen o seu consentimento.
Ademais dos dous anos de prisión e a inhabilitación para o exercicio da profesión de profesor durante dous anos, a sentenza imponlle a prohibición de aproximarse á vítima, así como de comunicarse con ela por calquera medio, durante tres anos e inhabilítao para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleve contacto regular e directo con persoas menores durante sete anos.