Alumnado do IES A Xunqueira II descobre a unión veciñal para levar a auga ás casas de Cerponzóns
Por Redacción
A Asociación Veciñal O Chedeiro de Cerponzóns mantiña un encontro este venres con máis de cen estudantes de cuarto curso da ESO do IES A Xunqueira II con motivo da celebración do Día Mundial da Auga neste 22 de marzo.
A maioría de menores residentes na parroquia pontevedresa de Cerponzóns estudan neste centro escolar e a directiva da asociación quixo colaborar neste labor formativo.
Durante o transcurso da mañá proxectábase o documental 'A nosa auga', homenaxe realizada a aquelas persoas residentes na parroquia que traballaron para trasladar a auga do monte ás vivendas da poboación, unha acción exemplar dentro do sistema de autoxestión de recursos.
Este traballo audiovisual foi impulsado pola asociación O Chedeiro e pola concellería de Desenvolvemento Sostible, con motivo do cincuenta aniversario da creación das traídas de auga ás parroquias.
A continuación, representantes da directiva de O Chedeiro informaban o alumnado dos beneficios que se orixinan coa realización da traída de auga nas oito comunidades de augas que existen en Cerponzóns. Neste proceso lograban trasladar a auga corrente a 214 depósitos de vivendas.
Na sesión contáronse anécdotas e recordos dos traballos desenvolvidos durante aqueles anos coa organización de grupos que colaboraron na construción da canalización para ter auga corrente nas casas. Ata aquel momento, a maioría da veciñanza víase obrigado a transportar a auga en garrafas desde os mananciais ata as súas casas.