Queixas en Cerponzóns pola situación dos postes de telefonía
Por Anxo Lourido
A veciñanza da parroquia pontevedresa de Cerponzóns está farta. Leva tempo reclamando a retirada de vellos postes de telefonía sen que ninguén atenda as súas peticións.
Explican que estes elementos de madeira supoñen un risco para a poboación ao atoparse apoiados contra as vivendas ou noutros cables.
Tanto residentes particulares como representantes da asociación de veciños O Chedeiro chaman de maneira frecuente a Telefónica como compañía responsable destes postes para reclamar a súa substitución ou a súa reparación pero sen éxito algún.
Denuncian que desde a compañía lles notifican un código de referencia pero xa non volven poñerse en contacto para dar solución ás demandas veciñais.
Grave é o caso dunha veciña do lugar de Tilve que sofre humidades na vivenda e quere instalar un canlón para controlar as augas de choiva e evitar os danos na súa casa. Pero a presenza do poste que se apoia no tellado impide que poida realizar a obra.
Outro dos postes medio derrubado atópase sobre un camiño impedindo o paso de furgonetas de grandes dimensións. Desde o Concello de Pontevedra instaláronse unhas bandeiras de alerta para evitar o acceso como solución temporal, pero os veciños insisten en que debe ser a compañía de teléfonos quen resolva "o problemón" canto antes.
"Deberían substituílos", afirma Juan José Esperón, secretario da asociación O Chedeiro, "pero non nos fan caso ningún".
Alertan, ademais, de que algúns dos postes que permanecen na parroquia carecen de uso xa que a compañía retirou o cableado ao instalar outras estruturas cercanas elaboradas cun material máis estable. Con todo, a compañía telefónica deixou os vellos elementos abandonados e sen visos de que teñan previsto retiralos proximamente.
Relacionadas:
-
Alumnado do IES A Xunqueira II descobre a unión veciñal para levar a auga ás casas de Cerponzóns
Por Redacción |
-
Árbores, farois e postes caídos e infinidade de incidencias máis por Beatrice na comarca
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Os postes de luz e teléfono da estrada provincial de Dorrón "serán historia" en 20 días
Por Redacción |
-
Un ano cos postes no medio da vía xa é dabondo
Por Oskar Viéitez |