Árbores, farois e postes caídos e infinidade de incidencias máis por Beatrice na comarca
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A borrasca 'Béatrice' que afecta a toda a provincia desde este sábado deixou unha noite complicada para os servizos de emerxencias en toda a comarca. O momento máis crítico foi entre as 4.30 e as 5.30 horas, cando os fortes ventos botaron abaixo árbores e postes e levaron por diante lonas e chapas de tellados e fachadas.
No límite de Ponte Sampaio (Pontevedra) con Arcade (Soutomaior), unha árbore cortou os dous carrís da estrada N-550 durante tres horas da pasada madrugada. Sucedeu á altura da antiga fábrica de Pontesa, segundo confirmaron os bombeiros de Pontevedra.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, hai constancia da caída preto das 04:30 horas e desde a Garda Civil de Tráfico fíxose fincapé na necesidade dunha rápida retirada do obstáculo, polo que desde o 112 coordinouse a actuación da Policía Local de Pontevedra, de Protección Civil de Soutomaior e dos servizos de mantemento das estradas, que procederon a cortar a árbore. Ás 07:30, o tráfico estaba aberto de novo.
En Poio, púxose en marcha un dispositivo especial de emerxencias coordinado pola concellería de Seguridade Cidadá coa participación da Policía Local, Protección Civil e operarios municipais.
Unha das incidencias máis rechamantes sucedeu na rúa Espiñeiros de Lourido, onde un panel saíu voando dunha casa e provocou danos en dúas vivendas lindeiras.
Como no resto da comarca, as máis numerosas foron as caídas de árbores que cortaron viarias. Así, por exemplo, estiveron cortados Camiño Zapata e Camiño do Vao de Arriba pola caída de árbores e tamén de postes do tendido eléctrico.
Tamén houbo árbores caídos no Camiño Real e o Camiño Bouza de Chancelas, en Combarro, en Camiño Publicada en Samieira, na Escusa, en Monte Baldía de Raxó, na Puntada, na leira do Pazo Besasa, na rúa José Pernas Pena na Caeira. En moitos casos, afectaron ao tendido de telefonía e electricidade.
Así mesmo, postes caídos provocaron cortes de viais en Camiño Paradela en Linares, en Camiño do Lombo en Saíñas e no Vao de Arriba.
Hai tamén constancia da caída dun farol público na avenida Sieiro de San Salvador e no Camiño Bouza de Chancelas o vento provocou a caída de cables de fibra que impediron circular.
En Poio tamén hai constancia de danos en vehículos e contedores en Lourido. Na avenida de Porteliña, a caída de parte dunha edificación danou coches e en Samieira os canlóns dunha causa tamén danaron turismos.
Bolsas de auga na calzada en todo o municipio, inundacións nun establecemento de Combarro e un barco á deriva que acabou rompendo na praia de Raxó súmanse á lista de incidencias.
En Sanxenxo as intervencións do servizo municipal de emerxencias foron intensas durante toda a noite, concentrándose principalmente nas parroquias de Adina, Vilalonga e Noalla.
Segundo o balance municipal, hai constancia de inundacións en Baltar e na rúa Arenal de Portonovo e, nesta, zona, tamén houbo que actuar por varias tapas de rexistro afectadas en Baltar, Portonovo e Adina.
Ademais, houbo constancia de catro árbores caídas na vía pública, a caída de varios cables, dous postes telefónicos afectados e valados e contedores movidos polo vento. En Montalvo, o temporal tamén levou por diante dous farois.
Relacionadas:
-
Queixas en Cerponzóns polo abandono dos postes de telefonía
Por Anxo Lourido |
-
Peche ao tráfico da rúa Francia de Monte Porreiro este mércores 26 de outubro
Por Redacción |
-
Así golpeou o temporal a cidade de Pontevedra
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pequenas incidencias pola borrasca Beatrice, que mantén o litoral de Pontevedra en alerta laranxa
Por Redacción |