As galerías Oliva, punto de encontro para os amantes do encaixe de 'bolillos'
Por Cristina Saiz & Redacción
Os amantes do encaixe de palillos tiveron unha cita este sábado nas galerías Oliva de Pontevedra. Esta zona comercial da cidade acolleu o II Encontro de Palilleiras, que congregou a 200 artesás procedentes de toda Galicia.
Desde O Grove, A Lama, Valga, Vilanova de Arousa, Tui, Vilaboa, As Neves, Mondariz, Porriño ou Marín chegaron as palilleiras para mostrar a súa arte nas galerías. Fundamentalmente foron artesás da provincia de Pontevedra, pero non faltou unha representación de Oleiros, da Coruña.
Organizado pola asociación de Palilleiras Fieitiña, este encontro foi unha ocasión para coñecer esta arte tradicional no que, con paciencia, as palilleiras van tecendo encaixes de palillos.
As persoas que se achegaron ata a Oliva puideron ver como traballaban e a organización tamén puxo en marcha un taller de xoiería.
O encontro encheu de vida as galerías entre as 10.00 e as 14.00 horas e o presidente da asociación de comerciantes, Antonio Santiago, deu por "conseguido" o seu obxectivo de dinamizar esta céntrica zona comercial e enchela de xente.
O presidente dos comerciantes destacou o bo ambiente que se viviu nas galerías e a actitude das palilleiras participantes. "Colaboran son xente moi agradable, moi amena, moi voluntariosa", destacou. E tamén sinalou que moitas persoas acudiron a ver como traballaban neste encontro.
Relacionadas:
-
Menos palilleiras, pero a mesma tradición e espectacularidade no seu encontro anual en Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Cincocentas palilleiras cítanse en Pontevedra para mostrar a súa mestría coa arte do encaixe
Por Alejandro Espiño |
-
Comerciantes e veciños das galerías Oliva recollen firmas pedindo solucións a roubos, sucidade e falta de seguridade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un encontro de palilleiras para celebrar e reivindicar
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Un cento de palilleiras mostrarán as súas dotes para o encaixe nas Galerías da Oliva
Por Redacción |