Un pitbull que atacou unha señora hai dúas semanas mata un gato en Raxó
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio informa este luns dun ataque dun can sucedido o xoves en Raxó. Trátase dun animal de raza pitbull que, segundo indican, atacou un gato ata producirlle a morte. Xa dúas semanas antes, o 8 de marzo, este mesmo can atacara unha señora e o día 1 do mes foi localizado solto na casa dun veciño.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, o 21 de marzo o ataque foi durante a mañá despois de que o animal fuxira da parcela na que vive a través dun enreixado en mal estado.
Esta can de raza potencialmente perigosa xa o coñecían polo ataque do 8 de marzo, no que, con outro animal, fuxiron da parcela e atacaron esta muller, producíndolle lesións, e tamén a súa mascota.
O propietario destes pitbull carece de licenza municipal e xa fora proposto para sanción, tramitada ante a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Despois do ataque do día 8, a Policía Local solicitou a retirada urxente dos cans, como medida cautelar, polo ataque a persoas e a outros animais e a tenencia carecendo de licenza.
Esta orde cautelar non chegou e, despois deste novo ataque, os axentes chegaron a un acordo co propietario para unha cesión do animal. O can foi retirado e pasou a estar baixo custodia da canceira de Poio.
Desde Policía Local de Poio sinalan que "os actos realizados polo can son consecuencia da mala praxis do seu propietario" e que cos bos coidados da canceira, "pasará a mans dunha familia realmente merecedora do can".
A Policía Local lembra que os propietarios de animais potencialmente perigosos teñen a obriga de cumprir todas as normas de seguridade cidadá, de maneira que garantan a óptima convivencia dos animais cos seres humanos e eviten molestias e danos á poboación.
Neste caso, as sancións que lle atribúe a Policía Local son ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licencia, deixar solto un animal potencialmente perigoso sen adoptar as medidas necesarias para evitar a súa fuxida, atoparse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen bozal ou sen cadea.
Coa nova lei de Benestar Animal, as multas van dos 500 aos 200.000 euros.
Relacionadas:
-
Campaña de sensibilización para escolares contra as cacas dos cans
Por Oskar Viéitez |
-
Poio poñerá o nome de veciños "moi queridos" a dous viais de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Un recoñecemento extraxudicial de crédito permitirá ao Concello pagar as catro facturas que debe polo muro do Xuviño
Por Oskar Viéitez |
-
Dous cans perigosos escapan dunha leira e atacan un home e á súa mascota
Por Oskar Viéitez |