Rouban material e causan múltiples estragos no Centro de Saúde Virxe Peregrina durante a noite
Por Anxo Lourido
Ocorría ao longo da noite do domingo a este luns 25. Un ou varios asaltantes lograban acceder ao Centro de Saúde Virxe Peregrina situado na esquina entre a Rúa da Maestranza e Echegaray causando numerosos danos materiais e roubando diferentes elementos deste centro, que aínda se están cuantificando.
Segundo informa a xerencia da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés xa se presentou denuncia ante a Policía Nacional, que comparecía no centro de Atención Primaria con varios axentes para realizar a investigación sobre este asalto.
Rexistráronse danos en diversas caixoneiras do centro, ao mesmo tempo que os intrusos ocasionaron numerosas desordes de material asistencial, de oficina e ofimático, espallando diferentes obxectos polo chan.
Tamén forzaron zonas de almacén de vestiarios e despachos, ademais de roubar dúas pantallas na área de Fisioterapia e no segundo andar, elementos que están valorados en centos de euros, segundo a área sanitaria.
A Policía Nacional investiga o suceso para localizar os causantes.
Esta acción prodúcese despois de que a Xunta Local de Seguridade de Pontevedra adoptara a medida de incrementar a presenza policial en determinadas zonas da cidade para evitar situacións de risco.
MANTENSE A ACTIVIDADE ASISTENCIAL
Segundo informa a área sanitaria, este asalto non afecta á continuidade asistencial do centro de saúde durante a xornada deste luns nin durante o resto da semana.
O xerente da área José Flores manifestaba que os profesionais do centro se atoparon con esta situación durante a mañá deste luns pero lograron manter en funcionamento os servizos coas citas previstas. Apuntaba tamén que a rápida coordinación loxística e operativa de Atención Primaria co resto de servizos da área sanitaria fixo posible esa actividade asistencial.
"Non entendemos que se produzan este tipo de roubos nun centro de saúde, que só dá saúde á poboación. Non o entendemos en ningún centro, pero moito menos nun centro sanitario", indicaba José Flores ante estes feitos.
Relacionadas:
-
"Maior presenza policial" pola"preocupante" situación da Ferrería e Campolongo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rafa Domínguez, sobre a inseguridade cidadá: "Un día vai haber un desgusto pola pasividade de Lores"
Por Natalia Puga |
-
Comerciantes e veciños das galerías Oliva recollen firmas pedindo solucións a roubos, sucidade e falta de seguridade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Detido o presunto autor dun roubo con forza nun comercio de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |