A CIG convoca tres xornadas de folga en abril no sector de oficinas e despachos
Por Anxo Lourido
O persoal afectado polo convenio de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra está convocado polo sindicato CIG a sumarse aos paros parciais do 5 e 11 de abril e á folga total prevista para o luns 15.
Este mércores, Iria Salvande, secretaria comarcal da CIG-Banca de Vigo; e Aitor Maquieira, de CIG-Pontevedra, denunciaban que o convenio leva quince anos sen negociación, paralizado.
A parte patronal está representada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e, durante as últimas reunións centradas no ámbito económico, non se alcanzaba acordo porque a última proposta empresarial suporía, nalgunhas categorías como a de auxiliar administrativo, un incremento de 30 euros brutos anuais máis que o salario mínimo interprofesional. Os responsables da CIG consideran que as táboas presentadas pola CEP son insuficientes.
O sindicato nacionalista asegura que o ofrecemento de convenio da patronal é o máis inferior economicamente dos que se asinan na provincia. Lembran que o persoal de empresas pequenas, asociacións empresariais, despachos de avogados, de procuradores, a maioría de colexios profesionais, empresas de informática e de innovación, acóllese a este convenio.
En total, ao redor de 15.000 persoas na provincia, con máis dun 80% de mulleres traballadoras, están afectadas por esta negociación. "É uns dos convenios con máis aplicación na provincia", indican desde a CIG.
Aitor Maquieira manifestaba que é necesario que o convenio recolla a realidade do sector e non buscar un acordo de "mínimos", como entende que está a buscar a CEP. Neste sentido, Iria Salvande sinalaba que a proposta da patronal é un 33% inferior ao convenio da provincia da Coruña.
Subliñan que a CEP se nega a introducir unha cláusula de garantía salarial e que está a poñer en dúbida a profesionalidade dun sector que, para o sindicato, é "esencial" como se comprobou durante a pandemia da covid-19.
O punto principal de debate atópase arredor da antigüidade nun sector con salarios base de media que roldan os 850 euros e que só cos bienios do 5% de antigüidade se acadan os 1.200 euros mensuais. "É moi perigoso eliminar o complemento de antigüidade", sinalaba Salvande ante a intención da patronal de suprimir ese suplemento económico por incrementos salariais.
A mesa de negociación continúa aberta cun novo encontro o 12 de abril, pero a CIG xa convocou as tres xornadas de paro neste mes de abril baixo o lema 'Sobran os motivos'.
O 5 e o 11 de abril realizaranse folgas parciais, de 09.00 a 16.00 horas; mentres que para o luns 15 está previsto un paro total durante a xornada laboral completa
Tamén están anunciadas concentracións fronte á sede da CEP, ás 10.30, e en ASIME, ás 12.00 horas. Concentracións que se repetirán o día 11.
Relacionadas:
-
A CIG considera un éxito a xornada de folga no sector de oficinas e despachos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Paro parcial de tres horas no sector de oficinas e despachos da provincia
Por Anxo Lourido |
-
A CIG convoca folga no sector de oficinas e despachos da provincia
Por Redacción |
-
'Paremos o saqueo', lema da CIG para a manifestación do 1º de maio reivindicando a acción sindical de "confrontación"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |