A CIG considera un éxito a xornada de folga no sector de oficinas e despachos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este luns 15 de abril, persoal que traballa en oficinas e despachos na provincia estaba chamado a unha folga total, de 24 horas para reclamar mellores condicións económicas e laborais.
O sindicato CIG, convocante do paro, considera un "éxito" esta acción sinalando que nalgunhas empresas o seguimento foi do 100%, a pesar de que se atoparon con "resistencia" por parte da patronal á hora de poder exercer o dereito a folga e o labor dos piquetes informativos, segundo denuncian desde o sindicato.
"Estamos unidos e organizados. Xa non é o que era antes", sinala Aitor Maquieira, de CIG-Pontevedra. Denuncian que este sector leva 12 anos co convenio paralizado e cos salarios conxelados.
Alertan tamén de que na mesa negociadora non se producen avances xa que o empresariado quere cambiar o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9 euros brutos anuais. Esta proposta por parte da Confederación de Empresarios de Pontevedra é rexeitada pola parte social.
Indican tamén que a parte empresarial négase a introducir unha cláusula de garantía salarial para resolver situacións de inflación disparada, como está a suceder durante os últimos anos.
A xornada de paro en Pontevedra tamén sumou unha concentración matinal ante as oficinas da asesoría de empresas Cytem e unha manifestación polo centro da cidade en horario de tarde coa intervención de máis dun centenar de persoas.
Relacionadas:
-
Traballo digno, paz e soberanía dos pobos; reclamación da CIG nas rúas o 1 de Maio
Por Anxo Lourido |
-
Preámbulo do 1º de Maio da CIG cunha concentración reclamando traballo digno
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A CIG convoca tres xornadas de folga en abril no sector de oficinas e despachos
Por Anxo Lourido |
-
Paro parcial de tres horas no sector de oficinas e despachos da provincia
Por Anxo Lourido |
-
A CIG convoca folga no sector de oficinas e despachos da provincia
Por Redacción |