Relacionan o desgaste dental acentuado co consumo masivo de peixe na Pontevedra dos séculos XIII a XVII
Por Redacción
Un equipo interdisciplinar da Universidade de Santiago de Compostela (USC) relaciona por primeira vez o desgaste dental acentuado co consumo masivo de peixe na poboación pontevedresa dos séculos XIII a XVII.
Tres investigadores do Grupo EcoPast da USC adscritos ao Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) demostran nun artigo publicado na revista ‘Archaeological and Anthropological Sciences’ que existe conexión entre a dieta característica da época medieval e moderna de Pontevedra cunhas lesións dentais que amosaban desgaste moi severo.
Clara Veiga Rilo, Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas relacionan na súa investigación unha dieta hiperespecializada baseada no peixe cunha patoloxía oral concreta, o desgaste dental acentuado, por primeira vez na disciplina bioarqueolóxica.
A época medieval en terras galegas é estudada en base a fontes históricas, artísticas e arqueolóxicas. Neste caso o traballo baseouse en análises multiisotópicas e da patoloxía oral realizadas sobre 34 individuos medievais e modernos que viviron entre os séculos XIII e XVII e que foron enterrados nas necrópoles pontevedresas de Santa María a Maior e San Bartolomeu o Vello.
A partir das análises nas que os esqueletos son os protagonistas, pódense descubrir aspectos da vida tan íntimos pero tan cotiáns coma a saúde das bocas dos individuos ou a dieta que seguían nos seus últimos anos de vida. Así, mediante o estudo dos esqueletos pontevedreses, pertencentes a persoas de clase media e relacionados coa pesca e artesanía, este artigo permite achegarnos a modos de vida e saúde da Pontevedra medieval e moderna.
Pode parecer obvio que a dieta, procesada en primeira instancia pola boca, deixe marcas nos dentes, pero a disciplina bioarqueolóxica non conseguira aínda unir ambos os dous conceptos. Un dos motivos era que os estudos anteriores realizados noutras poboacións estudaban dietas xeralistas que non deixaban marcadores específicos. Non obstante, a dieta das trinta e catro persoas analizadas (aquelas que preservaban como mínimo un dente) estaba tan centrada no consumo de peixe que foi considerada coma hiperespecialista.
Con esta dieta tan característica, os investigadores puideron identificar a súa relación coa patoloxía oral presentando esta poboación un nivel de desgaste dental moi severo dende as primeiras etapas da vida. As necrópoles de Pontevedra revelan ao mundo por primeira vez a relación entre a dieta e o desgaste dos dentes, sendo información moi valiosa para o futuro.
O desgaste dental é unha patoloxía complexa que impacta directamente na nosa saúde, pois a maior desgaste, maior posibilidade de carie e outras lesións que empobrecen a saúde da boca. Este traballo conclúe que o consumo habitual de peixe e marisco da Pontevedra medieval e moderna tivo consecuencias na saúde dental, sendo esta relación moi informativa para o futuro.
Coma curiosidade, a taxa de desgaste na actualidade é moito menor que nas sociedades do pasado, debido en parte á maneira de procesar os alimentos. Este achado non só contribúe ao coñecemento científico abordando un baleiro existente na disciplina bioarqueolóxica, senón que é un estudo clave para entender a vida cotiá das clases populares urbanas da Galicia medieval e moderna.