Convocan unha nova folga en Ambulancias Civera: "os compañeiros de coordinación conviven con ratas"
Por Anxo Lourido
"Os coches non se levan aos talleres nin ás revisións. Hainos que andan coas rodas nos arames e coas pastillas de freo gastadas. Os compañeiros de coordinación conviven con ratas desde o verán. Pasar os ratos por riba do ordenador. A empresa está avisada e non elimina a praga".
Antonio Gondariz, presidente do comité de empresa de Ambulancias Civera, entidade concesionaria do servizo de traslados non urxente de ambulancias na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, describe así a situación que vive o persoal no seu día a día.
Este venres 5 un grupo de traballadores de Ambulancias Civera concentrábase no Hospital Provincial reclamando a intervención da xerencia da área sanitaria e do SERGAS para resolver estes problemas. Afirman que a empresa asina "centos de acordos" pero á semana seguinte xa os incumpre mantendo un conflito que leva aberto tres anos.
Xabier Aboi, representante da CIG, sinala que a empresa non mantén os coches, non realiza os recoñecementos médicos ao persoal, non forma ás súas traballadoras. "É a única empresa de ambulancias que non fixo cursos de formación en Galicia. Ten manga ancha. Non sabemos quen a ampara", sinala o sindicalista.
Ante esta situación, este venres presentaron no rexistro da Xunta de Galicia e na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) a convocatoria dunha folga para os días 17, 24, 26 e 30 de abril, ademais do 2 de maio. Pero ameazan con folga indefinida se a Consellería de Sanidade non resolve estas incidencias.
Aboi: "Nunca houbo tantas queixas do servizo de ambulancias"
"Nunca houbo tantas queixas do servizo de ambulancias", lembra Aboi sinalando que os pacientes son os directamente afectados polas deficiencias do servizo que ofrece a empresa xestionada desde Valencia. "Aquí puxeron un xerente que leva quince días sen vir", acusa Xabier Aboi, alertando tamén da falta de actividade de sete ambulancias nesta xornada:
"Hai dous días un coche quedou parado con pacientes de diálese", recalca para insistir en que a dotación de ambulancias, integrada por corenta e un vehículos, é menor da que debería estar en funcionamento para atender a toda a área sanitaria.
Antonio Gondariz incide na situación:"hai días nun mes nos que non hai unha bala de osíxeno para cambiar nos coches" e lamenta que non se poida ofrecer a calidade asistencial "que merece o doente".
A estes problemas súmanse os incumprimentos da empresa co persoal con atrasos en pagos e con rexeitamentos de días de descanso que veñen recollidos no convenio. "Estamos cansos de traballar a marchas rorzadas", conclúe o presidente do comité de empresa.
Relacionadas:
-
Suspensión da folga en Ambulancias Civera debido á aplicación de melloras por parte da empresa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Desconvocada a xornada de folga dos traballadores de Ambulancias Civera
Por Oskar Viéitez |
-
Continúa en pé a folga de Ambulancias Civera: pararán o mércores se non teñen "garantía por escrito" de solución
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Volven as protestas laborais para reclamar a Ambulancias Civera que cumpra os acordos co Sergas
Por María José Pita & Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O Sergas prepara un novo contrato para o servizo de ambulancias en Pontevedra e O Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Suspenden a folga en Ambulancias Civera
Por Anxo Lourido |
-
Convocada a folga indefinida en Ambulancias Civera a partir do martes 17 de xaneiro
Por Redacción |
-
Reclaman no Parlamento de Galicia a rescisión do contrato de Sanidade con Ambulancias Civera
Por Redacción |
-
Persoal de Ambulancias Civera péchase no Hospital Montecelo para denunciar impagos do salario
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada