Desconvocada a xornada de folga dos traballadores de Ambulancias Civera
Por Oskar Viéitez
Os traballadores da empresa Ambulancias Civera, S.L., que presta servizos na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, desconvocaron a xornada de folga prevista para este mércores 17 de abril. Así o decidiu este martes en asemblea o persoal da empresa.
A Consellería de Sanidade establecera o 100% de servizos mínimos.
O comité de empresa de Ambulancias Civera convocara cinco xornadas de folga "ante os constantes incumprimentos por parte da empresa" no que ten que ver co pago de salarios, mantemento dos vehículos e entrega da roupa de traballo, entre outras cuestións.
Segundo denunciaron, Ambulancias Civera non estaba a abonar as nóminas conforme ao convenio e aos acordos pactados, non facilita a roupa de traballo (mesmo de choiva) e os EPI nin lle realiza ao persoal os recoñecementos médicos obrigatorios desde comézoo da concesión fai tres anos. "A situación de abandono chega ao momento de que os compañeiros de coordinación teñen mesmo que convivir con ratos na base", censuran desde a representación sindical.
Por iso instan a Xerencia da área Sanitaria e ao Sergas para tomar medidas para garantir que se cumpre tanto o convenio como as condicións do concurso de adxudicación do servizo, "xa que por exemplo o persoal padece exceso de xornada e falta de descanso e o servizo conta con menos ambulancias das que figuran no contrato; sen ir máis lonxe, na día de hoxe hai en funcionamento ata sete vehículos menos dos 38 (máis 3 suplentes) obrigatorios".
Precisamente onte martes, o Consello de la Xunta autorizou a contratación do servizo de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) e o hospitalario urxente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, por un importe total de licitación de 9.121.277 euros, e un período de 24 meses, que contará a partir de 1 de xullo.
Relacionadas:
-
Suspensión da folga en Ambulancias Civera debido á aplicación de melloras por parte da empresa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta autoriza a contratación do servizo de ambulancias da área sanitaria por 9,1 millóns
Por Oskar Viéitez |
-
Continúa en pé a folga de Ambulancias Civera: pararán o mércores se non teñen "garantía por escrito" de solución
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Convocan unha nova folga en Ambulancias Civera: "os compañeiros de coordinación conviven con ratas"
Por Anxo Lourido |