Domínguez esixe ao Concello de Pontevedra que "presione sen descanso" para que o Goberno central conclúa o paseo a Marín
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
Nas últimas horas, a alcaldesa de Marín María Ramallo trasladaba publicamente a intención de realizar unha fronte común co Concello de Pontevedra para presionar ao Goberno central co obxectivo de que finalice o paseo peonil entre os dous municipios, despois da oposición de Costas a continuar co seu trazado ata Os Praceres como estaba inicialmente previsto.
Este sábado, Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, arremetía de maneira dura contra o BNG e o PSOE sinalando que "é unha tomadura de pelo que non se ruboricen despois de que o Goberno decidira non finalizar o paseo peonil entre a cidade e Marín".
Neste sentido, lembra que os nacionalistas e socialistas incluíron esta obra no pacto de investidura para que o BNG votase a favor de Pedro Sánchez, onde se indicaba que "se buscarán solucións para terminar o segundo tramo do paseo de Marín desde Pontevedra" entre os 22 acordos asinados.
"Por que non din a verdade e recoñecen que foi un engano máis para xustificar o seu voto?", pregunta Domínguez, quen esixe ao Concello de Pontevedra que "exerza a súa responsabilidade" e "presione sen descanso ata que se termine o paseo peonil".
Acusa o goberno nacionalista de ser "cómplice" de que o goberno español "metera o proxecto nun caixón".
Lamenta, ademais, que o PSOE local "volva mostrar a súa evidente falta de rumbo" ao criticar a paralización do proxecto ao que o seu propio partido se comprometera meses atrás.
"É inaceptable que non se termine o paseo peonil a Marín e é inaceptable e inaudito que prometeran 25 millóns de euros para a estratexia ‘Pontevedra Flúe’, por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, e que nada se saiba sobre o suposto investimento", sinala Domínguez, quen considera que Pedro Sánchez "ten abandonada Pontevedra" ao entender que non executou ningún proxecto importante para a cidade.
Relacionadas:
-
O Goberno ábrese agora a analizar "todas as alternativas posibles" para completar o paseo a Marín
Por Alejandro Espiño |
-
O PP presentará unha moción no pleno provincial para esixir ao Goberno central a finalización do paseo entre Pontevedra e Marín
Por Anxo Lourido |
-
O PSOE de Pontevedra asegura agora estar convencido de que o Ministerio non descarta completar o paseo a Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Lores avanza unha "ofensiva política" para que o Goberno complete o paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño |
-
Marín ofrece a Pontevedra "facer forza" xuntos para esixir que se complete o paseo entre ambas
Por Redacción |
-
O PSOE considera "absolutamente inasumible e inaceptable" que Costas non remate o paseo a Marín
Por Redacción |
-
Costas deixa no aire a continuidade do paseo peatonal a Marín
Por Alejandro Espiño |