Pezas únicas para loitar contra a leucemia
Por Mónica Patxot & María José Pita
Durante dous días estarán expostos no Café Moderno Afundación os bolsos artesáns que as 22 alumnas do taller "La creativa" elaboraron cun fin solidario: recadar fondos para a asociación FRANGIL contra a leucemia.
A un prezo simbólico de 29 euros, calquera persoa que o desexe poderá comprar unha destas pezas únicas, confeccionadas con canamazo como base e bordadas a man con las coloridas, na tenda solidaria que habilitaron na entrada do edificio da Praza de San José, 3.
Este xoves abría as súas portas durante dúas horas, nas que as vendas se sucederon. A última oportunidade para adquirir un bolso solidario será este venres 26 de abril en horario de 11.00 a 13.00 horas.
Este taller leva desenvolvéndose no Espazo +60 de Afundación en Pontevedra dende o pasado mes de outubro, dirixido pola artista pontevedresa María Ángeles Pérez García, que atesoura unha traxectoria de 47 anos en Italia como deseñadora de moda especializada en pezas de la.
"Eu creo que este tipo de taller non se fai en ningures de Europa, cando Abanca o aceptou xa se presentaron inmediatamente vinte señoras para facelo", comenta María Ángeles Pérez.
A "ideadora" deste proxecto, que é así como se presenta María Ángeles, anima a calquera a participar nas clases, os martes de 17.00 a 19.00 horas na sede de Afundación en Pontevedra. "Para o cerebro é xenial, as células que se moven coa creatividade e a satisfacción cando se ve o resultado", manifesta.
Recalca tamén que "se trata tamén de facer algo que sirva para os demais, que teña unha finalidade solidaria, porque iso tamén é estimulante para as participantes".
Os fondos recadados nesta tenda solidaria destinaranse á asociación FRANGIL contra a leucemia, que leva o nome de Francisco Gil, vigués que loitou durante 4 anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doador compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.
Actualmente, a asociación FRANGIL contra a leucemia ten como obxectivo informar e concienciar sobre a importancia da doazón de medula ósea e sangue de cordón umbilical. Entre as súas accións, a máis coñecida é a "Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia", que convida a "camiñar pola vida" entre as cidades de Vigo e Pontevedra cada primeiro domingo de xuño.
Relacionadas:
-
A marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia' di adeus: abre as inscricións para a súa última edición
Por Natalia Puga |
-
35 quilómetros desde Vigo a Pontevedra para demandar doazóns de médula ósea e de sangue do cordón umbilical
Por Redacción |
-
Máis de 650 persoas camiñan desde Vigo a Pontevedra para loitar contra a leucemia
Por Redacción |
-
Chega a Pontevedra a "Volta a Galicia 700" convocada pola Asociación FranGil contra a leucemia para promover a doazón
Por Redacción |