Chamamento a familias ou persoas dispostas a acoller adolescentes con dificultades
Por Mónica Patxot & María José Pita
Dende 2018 a asociación ARELA desenvolve en Pontevedra o programa CONVIVE.COMigo, no que se intervén para facilitar que grupos familiares ou persoas poidan acoller temporalmente a menores que teñan que cumprir cunha medida xudicial que implique a convivencia en entornos familiares positivos e diferentes aos da súa familia de orixe.
Neste momento, os responsables deste programa están facendo un labor de difusión de cara a animar á cidadanía a que forme parte do "banco" de familias ou persoas acolledoras.
Este venres, o director de ARELA, Julio Barreiro, e a educadora social Eva Piñeiro presentaban no Concello de Pontevedra este programa, acompañados pola concelleira de Benestar Social Anabel Gulías.
A edil subliñou o apoio do seu departamento axudando na visibilización e posta en valor do traballo da asociación a prol da infancia e adolescencia de Galicia en risco de exclusión, en situación de desprotección ou de conflito, remarcando que así se "contribúe a desestigmatizar a persoas novas que se equivocaron unha vez", dándolles unha nova oportunidade.
Julio Barreiro lembrou que neste momento contan con cinco grupos familiares activos na Estrada (2 grupos familiares), Vigo, Cangas e Padrón. "Este é un programa que aposta pola calidade da intervención, máis que por grandes números. Nós mantemos moito contacto co Xulgado de Menores, tanto coa xuíza de menores, as fiscais de menores como co equipo técnico, coa intención de que coñezan o programa para que cando teñan que valorar a situación de adolescentes" poidan derivalos a este programa, que está financiado pola Consellería de Política Social.
Eva Piñeiro explicaba que se parte duns requisitos mínimos como ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidade. Despois, valórase a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar e ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas sobre adolescencia, de carácter xurídico ou resolución de conflitos, entre outras.
As persoas que estean interesadas en participar no acollemento van ter inicialmente unha conversa informativa para solventar todas as dúbidas. A continuación, ARELA ofrécelles unha formación grupal e individual, asesoramento e acompañamento de profesionais e un financiamento durante os meses que permaneza a persoa adolescente coa familia ou a persoa.
Para obter máis información sobre o programa CONVIVE.COMigo pódese contactar mediante correo electrónico (convive@arela.org) ou no teléfono 986212537.
Relacionadas:
-
Pontevedra quere consolidar o 'banco' de familias dispostas a acoller menores con dificultades
Por Redacción |
-
A asociación Arela busca en Vilagarcía familias que queiran convivir con adolescentes que cumpren unha medida xudicial
Por Redacción |
-
Marín busca familias para o proxecto de atención a adolescentes "Convive Comigo"
Por Redacción |
-
Búscanse segundas oportunidades para adolescentes con dificultades e medidas xudiciais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |