A asociación Arela busca en Vilagarcía familias que queiran convivir con adolescentes que cumpren unha medida xudicial
Por Redacción
Arela e a Xunta de Galicia desenvolven o Programa CONVIVE.COMigo na provincia coa intención de que persoas particulares ou familias convivan con adolescentes que se atopan nunha fase de cumprir unha medida xudicial que implique a convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo.
Vilagarcía de Arousa é un dos concellos que quere colaborar con esta proposta coa finalidade de que residentes no municipio acóllanse a este programa, como xa sucedeu noutras edicións con resultados positivos.
A concelleira de Servizos Sociais de Vilagarcía, Tania García, explica que este programa busca familias e persoas con alta sensibilidade cara á adolescencia que realice unha aposta temporal por un destes mozos con dificultades. A intención é ofrecer un ambiente socializador que lles permita modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e evitar que reincida nos mesmos feitos, actitudes ou comportamentos, cando regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Para poder participar neste programa é necesario ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, compromiso a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidad, entre outras medidas. Valórase a formación relacionada coas ciencias sociais, experiencia previa en programas de acollida familiar, contar con predisposición a ser formadas en temáticas sobre adolescencia ou cuestións de carácter xurídico.
Pola súa banda, Arela ofrece unha formación grupal e individual, asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que permaneza o adolescente neste plan de convivencia.
Para máis información, a páxina web de Arela ofrece datos sobre a iniciativa e tamén é posible contactar a través do teléfono 986 21 25 37 ou polo correo electrónico convive@arela.org.