As brigadas municipais acometen arranxos urxentes en Marín
Por Redacción
Aproveitando a tregua ofrecida pola chuvia a brigada de Obras do Concello de Marín iniciou o arranxo do tellado da casa de Cultura de Seixo, para evitar que a auga siga entrando por el.
Hai uns meses acometéranse unhas melloras importantes que evitaron que a auga entrase nas dependencias como en anteriores ocasións, pero os temporais e a auga caída ao longo destas últimas semanas puxeron de relevo que seguen a producirse filtracións por distintos lugares do tellado.
Estes dous últimos días que o tempo permitiu poder subirse, iniciáronse as primeiras reformas para evitar que o interior se vexa deteriorado e poder utilizar o espazo da casa de cultura para as actividades habituais.
Ademais os servizos municipais acometeron a limpeza das cunetas na zona de Pastoriza, así como o bacheo dunha importante focha que imposibilitaba o tránsito. Igualmente leváronse a cabo obras de acondicionamento e limpeza dunha mina que abastece a Fonte de Loira que foi obxecto de reparación e limpamento.