Protesta para denunciar a prolongación da vida laboral sen xubilacións dignas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A CIG concentrábase este xoves 9 ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra baixo a alerta de que se está negociando "de xeito opaco" unha nova reforma sobre xubilación parcial e a implantación de coeficientes redutores que ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións.
Paco Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, denunciaba que estas negociacións se están a realizar de maneira "oscurantista e ilegal". Piden que se desenvolvan dentro do marco de negociación en organismos públicos e respectando os dereitos legais de participación dos sindicatos. Lembran que nestas reunións se atopan representantes da Seguridade Social, CCOO, UXT e a patronal, sen presenza da CIG, sindicato maioritario en Galicia.
Desde a central nacionalista non entenden o motivo desta cuarta reforma, dezaseis meses despois da última. Estiman que a caída das pensións tras as últimas reformas se sitúa nun 25%, pasando a idade de xubilación de 65 a 67 anos e o cálculo das pensións dos 15 aos 17.
A estes datos suman que a fenda salarial entre as pensións de homes e mulleres aumentou nunha situación xeral de precariedade laboral, con baixos salarios que impiden que os traballadores teñan unha pensión digna.
Ademais, Paco Sío denuncia que os últimos cambios lexislativos provocaron que a xubilación aos 61 anos só afecte a un grupo reducido de traballadores mentres se atopan trabas para que se apliquen coeficientes redutores en traballos precarios, perigosos e insalubres como a construción, coidados, limpeza hospitalaria e industrial, sector naval ou ambulancias, apuntou o representante sindical.
Entenden que se está enmascarando un recorte e na concentración reclamaban unha xubilación digna, evitando a prolongación da vida laboral de maneira que se poida gozar das xubilacións durante os últimos anos de vida.
Sío lembrou tamén que España presenta o paro máis elevado en Europa entre mozos menores de 25 anos. "Castigamos a xente a emigrar ou ir ao paro cando estamos dificultando a xubilación anticipada a un número importante de persoas traballadoras", argumentou sinalando que continuarán cos actos de protesta ao longo dos próximos meses.
Relacionadas:
-
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, defende en Pontevedra a xubilación voluntaria a partir dos 35 anos cotizados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Concentración da CIG diante do Mercadona de San Mauro para denunciar "represión sindical"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Berros de "o sionismo é terrorismo" diante do edificio da Xunta de Galicia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Traballo digno, paz e soberanía dos pobos; reclamación da CIG nas rúas o 1 de Maio
Por Anxo Lourido |
-
Concentración en Montecelo para rexeitar o bombardeo de hospitais en Palestina
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |