Un mes de limpeza no perímetro do Encoro da Baxe entre Cuntis, Caldas e Moraña
Por Redacción
Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, iniciaba este luns 13 de maio as actuacións de conservación e mantemento na contorna do encoro da Baxe, que afecta os municipios de Cuntis, Caldas de Reis e Moraña.
As tarefas céntranse na roza de vexetación e na retirada de árbores que se atopan caidos en camiños do perímetro da infraestrutura. Os traballos acométense nas parroquias de Santo André de Cesas, en Caldas; Troáns, en Cuntis; e en Laxe e Saiáns, en Moraña.
As intervencións executaranse en 8,8 quilómetros de camiños e nunha superficie de máis de catorce hectáreas.
Está previsto que se prolongue ao longo dun mes e realizaranse utilizando a aplicación de ferramentas manuais; o uso de motoserras e rozadoras co apoio de tractores e un camión.
A Xunta espera que, cando conclúan os traballos, os camiños queden despexados de maleza. Inclúese a roza de espazos de xestión de biomasa e o mantemento de plantacións dentro do perímetro de expropiación.
Este operativo intégrase dentro do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.
Con estas accións pretenden mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta mantén competencias, fóra dos espazos fluviais urbanos de responsabilidade dos municipios.
Relacionadas:
-
Loita contra o feísmo en Moraña coas melloras dun local social, dous palcos e varios lavadoiros
Por Redacción |
-
Repoboación de medio cento de carballos no casco urbano de Santa Lucía
Por Oskar Viéitez |
-
Case 400.000 euros do canon de explotación do encoro do Umia fomentarán accións sociais e educativas
Por Redacción |
-
O DOG xa recolle a fervenza de Segade e o encoro da Baxe dentro das Zonas Húmidas de Galicia
Por Redacción |