Tes 2.400 millóns de euros? Pois compra Pontevedra enteira
Por Alejandro Espiño
Amancio Ortega, patrimonio estimado: 30.000 millóns de euros. Isaak Andic, dono de Mango: 3.700 millóns de euros. A mesma cantidade que atesoura Juan Roig, propietario de Mercadona. Son as tres principais fortunas españolas, segundo a revista Forbes. Calquera delas, podería comprar toda a cidade de Pontevedra. Como é iso? Pois porque a capital da provincia ten un valor catastral conxunto que non chega aos 2.400 millóns de euros.
Son datos da valoración que, anualmente, realiza a Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Hacienda, e que vistos desde unha óptica comercial son así de curiosos. Eses 2.400 millóns de euros estarían relacionados co exercicio de 2011.
O 65% dese valor, uns 1.500 millóns de euros, corresponderíase cos máis de 40.000 inmobles, tanto colectivos como unifamiliares, de uso residencial que hai en Pontevedra. A seguinte partida máis ampla sería a do comercio local. No seu conxunto, alguén podería compralos por 207 millóns de euros. Igual que pasaría con todas as oficinas, entre as que estarían as administracións públicas, se depositasen 108 millóns de euros, ou coa industria se pagasen 95 millóns de euros.
A cultura "vale" máis que a sanidade, a hostalería e o deporte xuntos, máis de 91 millóns de euros
A partir de aí, sucédense as curiosidades. Os equipamientos culturais están taxados no seu conxunto en 91 millóns; os sanitarios (hospitais, centros de saúde), en case 39 millóns; mentres que todos os establecementos de hostelería da cidade teñen un valor catastral conxunto de case 20 millóns de euros e os recintos deportivos, pavillóns e estadios de fútbol chegan a 19 millóns. E un apunte máis. Malia o que poida parecer, os edificios relixiosos, entre os que estarían a Basílica de Santa María ou o Santuario da Peregrina, están valorados en apenas 4,2 millóns de euros.
O resto da comarca, case 1.000 millóns de euros
O resto de municipios de comarca de Pontevedra están valorados conxuntamente en 974 millóns de euros. Deles, máis da metade, 578 millóns, corresponderían a Poio. A partir de aí situaríanse Ponte Caldelas (170 millóns), Vilaboa (56 millóns), A Lama (50 millóns), Campo Lameiro (46 millóns), Barro (38 millóns) e Cotobade (34 millóns). E que pasa con Marín? Pois superaría a todos eles, menos a Poio. O seu custe catastral ascende a 357 millóns de euros.
Dentro da comarca do Salnés é máis valiosa, en termos catastrais, Sanxenxo que Vilagarcía de Arousa
E se nos imos máis ao norte. Saben canto custaría toda a comarca de O Salnés? Moitos pensarían que o seu valor é incalculable, debido á súa riqueza paisaxística e o seu potencial turístico. Pois segundo este mesmo baremo catastral, "só" 3.572 millóns de euros. Entre os seus municipios, malia o que un podería pensar, o máis caro non é Vilagarcía de Arousa. Chega aos 983 millóns de euros, un dato que palidece ante os 1.119 millóns de euros de Sanxenxo.
Por detrás delas, atopamos a O Grove, cuxo valor catastral foi taxado por Hacienda en 404 millóns de euros; Cambados, con 252 millóns; A Illa de Arousa e Ribadumia, con 174, e Vilanova, con 172 millóns. Para rematar, Meaño custaría 161 millóns e Meis, 129 millóns de euros. Unha ganga, non?
Pero se algún destes "billonarios" pon os seus ollos nalgunhas das nosas cidades logo de ler este artigo, que non se emocione. O valor catastral non se corresponde co valor de mercado. Segundo o sector, o custo real medio de cada unha destas poboacións multiplicaríase, como mínimo, por catro se os nosos gobernantes decidisen vendela ao mellor postor. Así que, polo momento, Pontevedra seguirá sendo dos pontevedreses. E por moitos anos.