Tragsa renova o convenio para a xestión da canceira de Armenteira
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra aprobou, na súa Xunta de Goberno deste venres, a sinatura dun novo convenio para que a empresa Tragsa siga xestionando o centro de acollida de animais abandonados de Armenteira.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, subliñou que se trata dun servizo que está dando "moi bos resultados", especialmente no que se refire "ao labor de concienciación social e de garantía de que os animais estean ben atendidos".
As primeiras actividades estanse a desenvolver no colexio Álvarez Limeses de Pontevedra e nos vindeiros meses estenderanse aos colexios San Benito de Lérez e Xunqueira II de Pontevedra, CEIP de Armenteira en Meis.
O problema dos cans abandonados é unha realidade que afecta moito aos concellos, como o demostra o feito de que nalgúns municipios co remate da tempada de caza ou na primavera e no verán chegan a ter 7 ou 8 chamadas diarias advertindo de cans soltos, que poden ser perigosos e que ninguén se fai responsable deles.
O acordo aprobado pola Xunta de Goberno asinarase para o período 2014 a 2017, por un prezo anual de 366.000 euros, aínda que no presente ano, ao non ser o ano completo, o custe será de 286.000 euros.
O Centro de Acollida de Animais de Armenteira leva realizadas nos seus once meses de funcionamento un total de 2.000 intervencións para atender avisos de animais abandonados, o que significa máis de 6 actuacións diarias.