Chega o IV Festival de San Patricio do Mareantes Rugby Club
Por Diego Espiño
A Praza de España acollerá dende este mércores 19 de marzo e ata o domingo 23 a cuarta edición do Festival de San Patricio, organizado polo Mareantes Rugby Club Pontevedra.
Pensado para axudar a completar o presuposto da entidade, que cobre aproximadamente un 25% do ano con estes días, o evento xirará principalmente en torno á carpa gastronómica, aínda que tamén contará con diferentes actividades complementarias.
A organización decidiu manter os prezos do pasado ano, confiando en superar os 4.500 litros de cervexa despachados en 2013.
O Mareantes espera superar os 4.500 litros de cervexa vendidos en 2013
Así, os asistentes poderán degustar cervexa loura (Heineken), vermella (Murphy's) e negra (Guinness) a prezo de 3 euros a pinta da primeira e 3,5 das outras dúas.
En canto á comida a novidade será a Hamburguesa San Patricio, ademais doutras especialidades ás que hai que sumar as tapas que elaborarán a Taberna Zentola, Tintanegra e Sidrería Montañés xoves, venres e sábado respectivamente.
O horario da carpa será continuo de 12:30 horas ata a media noite, mentres a cociña se manterá aberta de 13:00 a 23:00 horas.
O festival complétase con actuacións musicais tres grupos, dous deles locais, e actividades de promoción do rugby, como un torneo escolar de iniciación que se disputará na Avenida Monteiro Ríos durante as mañás de xoves e venres.
Ademais San Patricio servirá para o debut do refundado equipo feminino do Mareantes, que disputará o seu primeiro encontro ante o Universidade de Vigo o domingo ás 12:00 horas no campo de Monte Porreiro.