A xuízo unha muller que alugou un piso con identidade falsa e o usaba para ocultar drogas de deseño que vendía
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta de la Audiencia de Pontevedra xulgará o próximo martes 1 de abril a unha veciña de Vilagarcía de Arousa acusada de tráfico de drogas por dedicarse á venda de distinto tipo de substancias, entre elas, drogas de deseño como metanfetamina.
A acusada, M.F.G.M., está en prisión provisional por estes feitos e o fiscal pide que sexa condenada a seis anos de prisión e ao pagamento dunha multa de 54.132,51 euros. Ademais, solicita o comiso e destrución da droga que se o interveu no seu piso.
A muller supostamente alugou un piso en Vilagarcía usando unha identidade falsa e, froito das investigacións realizadas pola Policía Nacional, os axentes realizaron un rexistro nesta vivivenda o 15 de outubro de 2012. Dentro localizaron drogas que o fiscal sostén que a procesada tiña intención de distribuír entre a poboación a cambio dun prezo.
As drogas localizadas no domicilio foron 327,1 gramos de cocaína, catro bolsas que contiñan 86, 63,2, 26,08 e 3,998 gramos de metanfetamina, así como tres tabletas e media e 15 landras e media de cannabis, que pesaban un total de 509,3 gramos.
Toda esa substancia intervida tería alcanzado un valor no mercado ilícito de 18.044,17 euros: 11.351,47 a cocaína; 3.784,6 euros a metanfetamina e 2.908,1 euros o cannabis.
No rexistro realizado na súa vivenda a Policía Nacional tamén localizou outros efectos como 28,545 gramos de substancias de corte que puideron ser identificadas como fenacetina, cafeína, lidocaína, ácido bórico e tetracaína. Tamén se lle interveu unha báscula de precisión camuflada nun porta CD de música, unha bolsiña con 87,5 gramos de restos de cocaína e un billete de 50 euros que a acusada obtivo da venda de drogas, segundo o fiscal.