Condenan a 51 anos cinco narcotraficantes que quería fixar unha vía de envío de cocaína por portos pontevedreses
Por Natalia Puga
51 anos de prisión. ÿ a condena global que se levaron cinco individuos como autores de delitos contra a saúde pública aos que xulgou a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tras ser localizado no porto de Vigo un colector con 20 toneladas de plátanos que levaba ocultos 55,8 quilos de cocaína de gran pureza procedente da localidade colombiana de Santa Marta (Colombia).
O tribunal da Audiencia considera probado que catro dos cinco acusados (todos agás José German Delgado Galvis), en unión doutros aos cales non se puido identificar e localizar, se relacionaban entre si coa finalidade de cometer delitos contra a saúde pública e, en particular, constituír unha vía estable de introdución de cocaína en territorio español procedente de Colombia.
Cada un deles desempeñaba funcións específicas e concretas dentro dunha organización con estrutura xerárquica na que, segundo o fallo xudicial, Alfredo Martí González era o líder e dirixía as actividades do resto e deseñaba os plans para a introdución da droga en España. Así, entaboou contactos con individuos colombianos como sumunistradores da droga que debería entrar en España a través dalgún dos portos comerciais da provincia de Pontevedra.
Os seus plans eran utilizar colectores de mercadorías e simular operacións lícitas de comercio internacional de importación na que camuflar e esconder a cocaína. Nesta parte da rede entraría José Ramón del Río Dacosta, que achegaba a infraestrutura empresarial necesaria para facer posible a operación de comercio internacional de importación de mercadoría a través da súa empresa Vite Desarrollo S.L.
Os feitos que considera probados o tribunal atribúen aos acusados os mesmos papeis que xa lles dera o fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte. Segundo esta distribución de tarefas, José Manuel Currás García encargábase de realizar as xestións oportunas para conseguir sacar a cocaína do porto de chegada a España aproveitando os contactos que tiña en Vigo e Marín. Ademais, colaboraba cos dous procesados anteriores nas súas tarefas.
O cuarto procesado cunha tarefa fixa na armazón era Guillermo Torres Rodríguez, de nacionalidade colombiana e residente ilegal en España. El era un dos representantes da rama colombiana da organización e a súa función consistía en ultimar os detalles coa rama galega da rede no momento en que a droga chegaba a España, así como en manter informados en todo momento aos colombianos exportadores da cocaína. Para iso, desprazábase a España e eventualmente a Galicia.
O quinto procesado, José Germán Delgado Galvis, tivo unha participación na actividade de tráfico de droga que se frustrou coa localización do colector de plátanos en Vigo, pero non na organización previa. Considérase que foi enviado dende Madrid a Galicia pola rama colombiana para entregar aos receptores da cocaína a documentación administrativa indispensable para a retirada da mercadoría do porto.
Non obstante, esa droga nunca chegou a saír porque foi intervida pola aduana. Nun primeiro momento, pasou o rexistro no porto de Vigo oculta entre a froita, pero logo localizouse porque se detectou a falta de certa documentación. O problema aduaneiro produciuse porque se enviou no colector legal plátano común en lugar de banano macho para freir, unha mercadoría que non necesita nin licencía de importador nin cota para ser comercializado en España.
O plátano común tamén se produce en España, polo que ten unha cota por parte da Unión Europea e a organización de narcotraficantes carecía del. Intentaron solucionar o contratempo e a mercadoría mesmo pasou outro control xudicial, pero finalmente o colector volveu ser revisado polas autoridades sanitarias antes de saír do porto e nese control detectouse que a froita restaba moi deteriorada e non era apta para o consumo, de modo que se bloqueou e ordenou a súa destrución. Entre tanto, unha investigación xudicial ordenou un novo rexistro e detectouse a droga.
A sentenza, dada a coñecer este luns, impón a Alfredo Martí González a pena maior, a 14 anos de cárcere. Impóñenlle 13 anos como autor dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de substancias que causan grave dano para a saúde, en cantidade de notoria importancia, extrema gravidade e pretenza a organización criminal, un grupo do que sería o xefe ou encargado. Por este delito tamén deberá pagar unha multa de 10,1 millóns de euros e, ademais, condénano a un ano de prisión por tenza ilícita de armas.
Os procesados José Ramón del Río Dacosta, José Manuel Currás García e Guillermo Torres Rodríguez foron condenados a dez anos de prisión para cada un polo mesmo delito contra a saúde pública que o seu xefe, pero tiveron en conta que pertencían a unha organización criminal, pero non a lideraban. A multa que lle impuxeron si é a mesma, de 10,1 millóns de euros. O quinto condenado, José Germán Delgado Galvis, deberá cumprir sete anos de prisión e pagar unha multa inferior, de 5 millóns, ao considerárselle autor dun delito contra a saúde pública, pero non que pertenza a ningunha organización.
Relacionadas:
-
Tres acusados de trasladar droga entre plátanos, dispostos a asumir unha pena "muy inferior" á que pide o fiscal
Por Natalia Puga |
-
Negan reunións e conversacións gravadas en teléfonos picados para defenderse dunha acusación de narcotráfico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden penas que suman 86 anos de prisión para cinco persoas acusadas de formar unha rede de narcotraficantes
Por Oskar Viéitez |