Queixas polas vibracións derivadas das obras nocturnas do AVE na estación de trens
Por Redacción
Os traballos nocturnos na estación de trens de Pontevedra para adaptala á chegada da AVE provocaron queixas veciñais polas vibracións que provocan as obras, segundo explicou o concelleiro César Mosquera despois da reunión de seguimento mantida con representantes do Ministerio de Fomento.
As obras nocturnas carecían de autorización municipal, segundo afirmou Mosquera, porque a documentación presentada por Fomento era insuficiente. Desta forma, cada vez que se intentaban executar os traballos, a Policía Local recibía chamadas de denuncia dende un dos edificios da Cidade de Pedra e paralizábase a actividade destas obras, consistentes na execución dun paso subterráneo baixo as plataformas para que poidan acceder as persoas con cadeiras de rodas, explicaba o concelleiro.
Dende Fomento comprometéronse a presentar a documentación necesaria para obter a autorización e poder realizar esta actividade durante a noite. "Non se poden facer de día porque entre que montan e desmontan, terían que cortar o tráfico ferroviario durante toda a xornada", sinalou César Mosquera.
En todo caso, o concelleiro de Infraestruturas indicou que se agarda que as obras da Estación se rematen a primeiros do vindeiro mes de maio.
Por outra parte, os representantes de Fomento tamén se comprometeron a retirar o noiro de terra en Médico Ballina, tras as queixas veciñais. E da mesma forma, se atenderá a demanda da instalación de pantallas sonoras para que se ille esa zona do ruído ferroviario.
BORRADOR PARA A CESIÿN DAS PONTES
César Mosquera tamén indicou que Fomento entregou un borrador do convenio para a cesión da ponte de Monte Porreiro e da ponte do río Verdugo entre Ponte Sampaio e Arcade, á espera de que se estableza contacto por parte dos representantes do ministerio coa Deputación para que se faga cargo desta estrutura. A proposta é que ambas as dúas pontes pasen a ser de uso peonil.
Dentro dun mes volverá reunirse esta comisión de seguimento das obras da AVE.