Regresa a campaña 'Yes we can' para loitar contra o "grave problema" do abandono de cans e gatos
Por Natalia Puga
'Yes we can', a campaña de sensibilización animal deseñada polo Concello de Pontevedra en 2013, reactívase este ano cunha nova edición na que se formula como batalla "intentar reducir o número de abandonos e aumentar o número de adopcións".
O concelleiro de Sanidade Animal, Miguel Filgueira, presentouna este xoves en compañía de representantes das asociacións Os Palleiros, Difusión Felina e Adopciones Galicia e referiuse ao "grave problema" que existe na cidade en relación co abandono de cans e gatos.
Segundo explicou, tense constancia de que o ano pasado houbo máis de 350 abandonos de animais en Pontevedra. O problema é "máis grave" no caso dos felinos porque "é máis fácil abandonar un gato que abandonar un can".
A primeira das actividades da campaña prolóngase dende esta semana ata o 15 de maio e consistirá en promover o microchipado dos animais a través de convenios con determinadas empresas. Todos os donos de cans poderán poñer un chip ás súas mascotas a un prezo de 25 euros.
O adestramento animal tamén ten espazo nesta campaña e organizarase unha xornada de formación na que un profesional na materia dará unha clase teórica un sábado pola mañá (aínda por definir) e pola tarde haberá clases prácticas en grupos reducidos.
O 7 de xuño celebrarase o Día da Adopción co obxectivo de sensibilizar á cidadanía para que "antes de comprar un can, hai moitos en refuxios e en casas de acollida".
Como novidade nesta edición, organizaranse rutas guiadas por espazos naturais que incluirán un paseo pola natureza e nocións prácticas sobre como pasear un can. Haberá tres xornadas de ruta durante o mes de xuño.
No marco de 'Yes we can' xa se iniciou unha nova campaña de castración e esterilización de gatos que, como aconteceu o ano pasado, se fai por colonias e se marca como obxectivo chegar a un total de 100 felinos.
Relacionadas:
-
A campaña 'Yes we can' volve a Pontevedra: "os animais non son xoguetes"
Por Elsa Juliá Sánchez & Cristina Saiz |
-
Os abandonos de cadelas con cachorros disparan a poboación do refuxio: 201 animais en cinco meses
Por Natalia Puga |
-
O 15 de maio remata o prazo de inscrición para a campaña de chipeado de cans
Por Redacción |
-
Avogan polo establecemento de horarios para os cans en zonas verdes
Por Oskar Viéitez |
-
Queres adoptar a Alda ou a Nemo? Acode o sábado á Praza de Ourense
Por Alejandro Espiño |